Segue a liorta relacionada co debate televisado. O líder do PPdeG só admite a Quintana se actúa como representante "dunha coalición electoral" cos socialistas.
O presidente de PPdeG, Alberte Núñez Feijoo volveu amosar a súa disposición de aceptar a oferta feita por dúas televisións (Antena 3 e TVE) para protagonizar un debate electoral co actual presidente da Xunta e candidato aos comicios do 1 de marzo polo PSdeG, Emilio Pérez Touriño, por "responsabilidade".
Feijoo dirixiuse esta sexta feira aos medios de comunicación para salientar que o cara a cara que para el é ideal -un no que só participen os cabezas de lista do Psde e do PPdeG-, é unha "resposta a unha demanda social do pobo de Galiza", "obrigatoria" para os dous candidatos, tendo en conta que un deles, segundo dixo, "vai ser o vindeiro presidente da Xunta".
"Quintana é líder dun partido que non ten posibilidade de gobernar"
Neste sentido, Feijoo quixo deixar de lado aos nacionalistas, e ao ser preguntado pola opinión que lle merece que o BNG se molestase por estar excluído da oferta formulada por estas dúas cadeas, o popular sinalou que, a pesar de "respectar a súa opinión (...), o importante son os votos e a representación política de cada partido". A seguir, Feijoo sinalou que "Quintana é líder dun partido que non ten posibilidade de gobernar".
Porén, Núñez Feijoo precisou que "se a coalición electoral PSdeG-BNG" designa a Anxo Quintana como o seu representante, neses posíbeis debates televisados, aceptaría participar "de bo grao".
O líder do PPdeG volveu reiterar que só el e Touriño son os dous candidatos "con opción a presidir a Xunta", cando revelou que é "bo" que concorran ás eleccións pola mesma provincia -Pontevedra-, xa que así poden medir "o apoio democrático" dos cidadáns.