O vindeiro 17 de maio celebrarase na cidade unha proba da Copa de Europa, na que poderemos ver en acción a plana maior do triatlón galego, incluído Gómez Noya.
Gómez Noya procurará repetir esta imaxe o vindeiro 17 de maio
Xavier Gómez Noya terá o vindeiro 17 de maio a oportunidade de volver correr na súa cidade adoptiva. A portavoz do Concello de Pontevedra, Anxos Rivero, anunciou o evento e engadiu que se realizarán nas vindeiras semanas as primeiras reunións organizativas.
Rivero afirmou que "O Concello quere agradecer á Federación Europea e Española de Tríatlon que volvan confiar en Pontevedra como sede organizadora dun evento de tanta transcendencia social e mediática. Trátase dunha proba máis de que Pontevedra ten capacidade para a organización da Copa de Europa de Tríatlon, e continuará pedíndoa co apoio da Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia, ante as instancias pertinentes"
O pai e representante de Gómez Noya xa confirmou a Vieiros que o ferrolán ten a intención de participar na proba, que se celebrará unha semana despois da primeira carreira das series mundiais. O outro gran aliciente para a carreira será ver as evolucións dos novos talentos do triatlón galego, como Óscar Vicente, Antón Ruanova, Aida Valiño, Saleta Castro, Antón Ruanova ou Alberto Trillo.