O goberno arxentino enviará asistencia humanitaria á Franxa de Gaza, onde máis de 700 palestinos morreron e 3.000 resultaron feridos polos ataques de Israel.
O ministro de Relacións Exteriores da Arxentina, Jorge Taiana, anunciou este mércores que o país austral enviará asistencia humanitaria á Faixa de Gaza a través da Comisión de Cascos Brancos.
Así se decidiu logo dun pedido formal do representante da Autoridade Palestina en Bos Aires, o embaixador Farid Suwwan, a raíz da grave situación que se vive en Gaza pola ofensiva militar israelí.
O funcionario palestino, que visitou a Cancillería (nome do Ministerio de Relacións Exteriores) acompañado polo embaixador do Líbano Hicham Salim Hamdam, como decano dos representantes árabes, entregou unha lista cos elementos que con maior urxencia se necesitan nesta etapa: medicamentos, potabilizadores de auga e alimentos.
As doazóns particulares -segundo o acordado na reunión- serán cordinadas polo representante da Autoridade Palestina co apoio da Cancillería para o seu despacho cara a Gaza, informouse oficialmente na Arxentina.
Durante o encontro, os dous embaixadores ratificaron o seu "recoñecemento" ao labor humanitario de Cascos Brancos, recordando tanto os seus proxectos na Franxa de Gaza palestina, como na asistencia ao pobo do Líbano no 2006.
O martes, na cidade de Bos Aires, entidades árabes xunto á Federación Argentino-Palestina, a Asociación Nais da Praza de Maio, federación Universitaria de Bos Aires, e forzas políticas camiñaron ata o Obelisco para esixir que rematen os ataques na Franxa de Gaza.