Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÍTICA DE ARTE

'Juan Muñoz. Uma retrospectiva'

Chus Martínez fálanos sobre a retrospectiva que o Museu Serralves do Porto dedica ao artista madrileño.

Chus Martínez Domínguez - 10:18 10/01/2009

Despois da súa exhibición na Tate Modern de Londres e no Museo Guggenheim de Bilbao, a cidade de Porto acolle no Museu Serralves a que se considera como a maior exposición retrospectiva do artista madrileño Juan Muñoz (Madrid, 1953 - Ibiza, 2001), autor que desde mediados dos anos oitenta fixo da arte e sobre todo da escultura contemporánea, un territorio de exploración sempre sorprendente, rico en matices e resultados, e fundamentado na relación coa observación.

Esta mostra, comisariada por Sheena Wagstaff, comisaria xefe da Tate Modern, conta con algúns cambios significativos respecto da selección e a distribución das obras nas exposicións organizadas en Londres e Bilbao, adaptándose ás diferentes salas do Museu Serralves dun xeito formal, distanciándose nalgún caso da escenografía que algunhas das pezas de Muñoz requiren. O percorrido da mostra atende a un diálogo entre pezas de diferentes cronoloxías e disciplinas, destacando entre as diferentes pezas audiovisuais, obxectuais e a maioritaria escultura, a marabillosa serie de debuxos negros de Raincoat Drawings (1988-2001), e o interesante dispositivo Elevator (1966), exemplo da súa continua experimentación no campo da mecánica.

As oitenta obras que integran esta mostra, preséntanse recoñecibles e sempre sorprendentes para o visitante, envolvendo ao espectador no prodixio e na inquedanza; investigacións visuais e ilusorias que evidencian a agudeza extraordinaria do autor no campo da percepción e da estética, e que xunto ao seu particular imaxinario iconográfico, permítelle establecer asombrosas relacións entre a instalación escultórica e o compoñente arquitectónico. O percorrido polas diferentes salas do museo vese alterado polos diversos recursos utilizados: espazos regulados pola xeometría como o pavimento cromático de The Wasteland (1986), espazos delimitados por obxectos como balcóns e pasamáns situados en lugares de tránsito do museo, e lugares onde a figura humana é a rotunda protagonista como no caso das coñecidas Conversation Piece (1996), Seated Figures with Five Drums (1999) e Many Times (1999) nas que as figuras son conscientes da súa exhibición mediante a reiteración dos tipos e o enigmático das poses, logrando ao fin, contaxiar a súa misteriosa existencia, sentindo próximo o seu anonimato.

Deste xeito, a exposición convértese nunha excelente oportunidade para achegarse unha vez máis á magnífica produción deste artista, logrando que cada espazo deveña nun escenario no que o espectador sexa protagonista ao tempo que observa, filtrando en cada unha das súas olladas a intelixencia e a audacia de Juan Muñoz, para sempre próximo ao posible, ao simultáneo.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: