Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OPINIÓN

Hawai-Gaza

Rubén Cela envíanos un artigo sobre os últimos ataques israelís contra os palestinos.

Redacción - 14:50 02/01/2009

Terra Santa é nestes días de festividade cristiá unha santa barbarie. Hoxe en día, os Reis Magos teríano complicado para chegar ao portal de Belén. Din que a ofensiva terrestre non comeza porque chove e  anda nubrado... que non se preocupen as súas maxestades porque se non ven a Estrela de Oriente sempre poderán seguir a estela dun F-16 de regreso a Tel Aviv despois dunha dura xornada de “asasinatos selectivos” ás costas, como o último onde ademais dun dirixente de Hamas de propina asasinaron a súa muller e aos seus oito fillos. Incienso, mirra é mellor que cambien o ouro por un chaleque antibalas para o neno Xesús.

Incluso antes desta ofensiva, nese infinito campo de concentración que é Gaza –o ghetto de Varsovia do noso tempo en formato familiar- e no que malviven millón e medio de persoas calcúlase que máis de 50.000 menores padecen de malnutrición e que case a metade dos menores de dous anos ten anemia. Non hai comida –no campo de refuxiados de Yabila existen filas de case medio quilómetro de persoas agardando por pan, non hai medicinas, non hai nada. En Gaza “non hai crise humanitaria” di a ministra exteriores israelí, Tzipi Liuni sen nin tan sequer se sonroxar cando despacha cun contundente “non” á proposta francesa dun simples alto fogo de 48 horas para introducir axuda humanitaria en Gaza. Ten razón nunha cousa, a este paso non haberá crise humanitaria porque non quedarán persoas vivas. A día de hoxe levan máis de 400 mortos e preto de 2000 feridos, por certo 38 nenos... pero a Israel como a Anibal Smith “le encanta que los planes salgan bien”.

Non hai aquí torturas, violacións e secuestros por parte dos servizos secretos de Israel? Non hai aquí crímenes de estado? Non hai aquí un apartheid? Non hai aquí vulneración do dereito internacional e dos dereitos humanos? Non hai aquí un exterminio planificado? Non hai unha nación ocupada a que non só non se lle permite decidir libremente o seu futuro senón que non se lle permite existir? Pois parece ser que non. Cando menos, non se ven moitos cascos azuis defendendo Gaza, nin moito observador internacional (están vetados até os xornalistas), nin moitas peticións do Tribunal Penal Internacional, nin propostas de sancións, embargos ou bloqueo a Israel....

Que máis ten que pasar para escandalizar á opinión pública e condicionar as posicións das grandes potencias mundiais sobre o que acontece en Palestina? As fotos das torturas de Guantánamo ou Abu Ghraib deron á volta ao mundo. Palestina é hoxe unha tremenda cárcere onde se viola, tortura e asasina a pracer e ante os ollos dunha “comunidade internacional” cómplice. Guantánamo equivale tan só a un grao de area desta inmensa praia de vulneración dos dereitos máis elementais que se chama Palestina.

E namentres onde está a grande esperanza negra? En Hawai xogando ao golf e ante o seu primeiro gran desafío moral e político non sabe ou non contesta. Que lonxe parece que xa queda aquel “Yes, we can” Pero claro que podedes!, o que pasa e que non queredes.

Hai dous Barack importantes nesta historia: Barack Obama oe Ehud Barak (ministro de Defensa de Israel). Ogallá que só coincidan no nome e non nas súas posicións sobre a guerra en Palestina, mais por desgraza moito me temo que non vai ser así. Hawai fica moi lonxe de Gaza e moitos amigos-donantes de Obama o que agardan del e da nova administración norteamericana a respecto de Oriente Medio e máis do mesmo.

Mal comezamos, cando nin sequera son capaces de ceder na política dos xestos, cando novamente e con toda a que está caendo EEUU e Gran Bretaña rexeitan a proposta de borrador para o alto fogo que presentou a Liga Árabe na reunión extraordinaria do Consello de Seguridade da ONU. Nin tan sequer tiveron a decencia de aprobala aínda que tan só fose para facerlle compañía a todas as outras aprobadas que están no caixón dos olvidos da ONU.

Israel sempre ten xustificación para todo, chamábase Arafat onte Hamas hoxe e vai ti saber quen será mañá. Baixo unha maquillaxe de autodefensa contra o integrismo islamista e baixou un maquivélico “o fin xustifica os medios”, barra libre: “morto o can, morta a raiba”.

Mais por moitos quilos de maquillaxe que se lle poñan enriba, un xenocidio é un xenocidio, sexa co exterminio físico das bombas, sexa con muros de formigón que oprimen e matan de fame. As balas e a as bombas nunca son orfas. Teñen nai e pai. Aquí non fai falta o ADN de ninguén para saber os nomes dos proxenitores da criatura: Israel, capital Washington DC.

Hai anos dicíase aquilo de que todos somos vietnamitas. Hoxe os galegos e galegas de boa fe, somos palestinos e cada neno morto sentímolo como propio. O único que lle pediría aos reis magos, é que se finalmente se atreven a cruzar o muro da vergoña de Gaza, leven ás nenas e nenos palestinos que sigan vivos xunto cun sentido abrazo desde Galiza, o mellor agasallo posíbel: un futuro de paz e liberdade para a súa Terra.

*Rubén Cela asina este artigo como militante do BNG


4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: