O plenario do sector crítico integrado dentro do BNG celebrarase logo de meses de fortes enfrontamentos internos.
Catro dirixentes de Movemento pola Base: Miguel Anxo Abraira, Fermín Paz, Zélia García e Roi Ribeira compareceron este venres diante dos xornalistas para anunciaren unha asemblea ordinaria para o vindeiro 7 de febreiro. Esta forza crítica integrada no BNG quere revisar o seu posicionamento político e anovar os seus órganos de dirección. Abraira sinalou que dende a creación do Movemento pola Base (MpB) entraron novos militantes que só pertencen a esta organización e que non están integrados no BNG. Por iso, xustificou a necesidade de “facer retoques no funcionamento interno e incluso revisar o perfil ideolóxico”.
En canto ás relacións coa liña maioritaria do BNG, Abraira recoñeceu que son cada vez máis complicadas. De feito, subliñou que non lle estraña que o MpB non teña presenza nas listas electorais porque “estabamos xa excluídos”. Fermín Paz afondou nas diferenzas coa dirección do BNG e deixou a porta aberta á aglutinación de forzas á marxe do Bloque: “O Movemento pola Base non renuncia a construír alternativas con todo o que se está a mover no tecido social galego”.
Ruptura interna
Os dirixentes que anunciaron a asemblea de febreiro manteñen un forte enfrontamento con outros que tomaron parte na fundación do MpB, como é o caso de Manuel Mera, Ramiro Oubiña ou Antolín Alcántara. Este sector fixo público un comunicado (pódese ler aquí) este mesmo venres, por medio do seu resposábel de Comunicación, Breixo Lousada, acusando a Fermín Paz e a Abraira de teren convocado a conferencia de prensa deste venres sen contar cos órganos de dirección. Uns e outros afirman representar á maioría da militancia.
Pero cales son os motivos da crise? A estas alturas semella que as relacións co BNG e a CIG son o cerne do problema. O sector de Fermín Paz e Miguel Anxo Abraira considera que, a medio prazo, resulta imposíbel seguir manténdose dentro do Bloque e considera que é preciso crear unha alternativa política fóra do mesmo. De feito, Paz xa abandonou o BNG. Mais non menos importante é o debate interno que se está a dar na CIG de cara á vindeira cita congresual. Hai que ter en conta que o xermolo do Movemento pola Base tivo a súa orixe no mundo sindical, de onde procedían a maioría dos seus cadros.