Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XUAN BELLO, ESCRITOR

"Paréceme unha hipocrisía que unha persoa que ten o asturiano condenado a morte homenaxee a Voces Ceibes"

Vén de publicarse a tradución ao galego de 'Historia universal de Paniceiros' (Positivas), unha das obras máis importantes da literatura asturiana.

Marcos S. Pérez - 10:45 03/01/2009

A literatura asturiana comeza a saír da gaiola. Aínda sen ser oficial no Principado, e contando cunha moi limitada protección, obras escritas en asturiano comezan a ser traducidas e distribuídas no resto do Estado. Aí están Los caminos ensin fin, de Marín Estrada (gañador do Premio Abril en 2000), traducido a cinco linguas. Aí está a música de Lucas 15, Mus ou Dixebra, ou as obras do propio Xuan Bello, que se fixo co premio Ramón Gómez de la Serna en 2003. "Chegabamos falando en asturiano, colgando carteis nas paredes da Facultade, e preguntábannos que onde deixaramos as zocas, o estigma da nosa cultura", escribe nun dos relatos, mesturando sempre ficción e ensaio.

Xuan Bello coñece ben Galiza. Entre outras cousas porque traduciu ao asturiano a Castelao (Coses) e a Cunqueiro (Escuela de melecineros y fábula de varia xente), un dos seus referentes. Traduciu a moitos outros autores, como Pavese ou Pessoa, empeñado na recuperación da súa lingua, un labor que tamén desenvolve no semanario Les Noticies, do que foi director. A nosa patria, ula? Dime camiñante, u-las nosas sepulturas? Están nas nosas verbas, nas verbas da nosa lingua.

Bello, que dixo que "si yo naciera en Bual o Taramundi taría escribiendo en gallegu", estará en Galiza en xaneiro ou febreiro para presentar a tradución de Historia Universal de Paniceiros, realizada por Esperanza Mariño e prologada por Francisco Fernández Rei, e xa editada en castelán e catalán, e que constitúe o primeiro libro dunha triloxía, da que xa publicou La Hestoria Tapecida.

No libro defendes que mentir é unha boa forma de contar a realidade, que a vida tamén se inventa...

Ao contar unha historia facemos unha hipótese da verdade. Só cambia a perspectiva: en Asturias partimos do soño, da fábula, para desvelar unha realidade, que en Asturias está oculta.

Percíbese unha relación moi clara con Cunqueiro, e co 'realismo máxico'...
Eu chamaríalle máis ben realismo noroccidental. Eu síntome debedor de Miguel Torga ou de Cunqueiro. Non sei até que punto o que escribo ten que ver con García Márquez ou con Faulkner, aínda que si me gustan moito.

No libro tamén falas de que a inestabilidade do tempo en Asturias inflúe na forma de ver a vida, sen dar nada por certo de todo...
Si, por moito que chova sabemos que vai escampar. Iso sabédelo ben en Galiza, tamén. E supoño que esa mutabilidade do tempo inflúe na forma de ver a realidade. En asturiano, unha forma de referirse 'ao real', de dicir que algo é real, é dicir que é afectivo. Durante moito tempo estiven investigando cal podía ser a orixe desa palabra, até que descubrín que procedía de 'afectábel', de algo que podía ser afectado. Aínda lembro á miña avoa dicindo, por exemplo, que a chegada do home á lúa era 'afectiva'. Dicía que era real, pero con esa visión da realidade que pode ser deformada, afectada.

Unha obra de textos breves, de relatos, de pequenas pezas xornalísticas... Cres que a importancia da lingua oral en Asturias e Galiza fai que este tipo de libros sexan máis habituais?
Si, está claro que a literatura oral ten unha importancia moi grande en todo o noroeste, pero non sei até que punto inflúen na existencia de moitas ou de boas narracións breves en Asturias e Galiza. Creo que máis ben é un signo deste tempo, cada vez que cruzamos unha rúa deixamos algo atrás. A derradeira imaxe dun espello son mil imaxes, mil anacos. Esa visión fragmentada é a única forma de ver o mundo.

Como son as relacións entre Asturias e Galiza?
Son moi boas.

Pero coñecémonos?
Pero non hai coñecemento, non. En Asturias sábese moi pouco de Galiza e en Galiza supoño que pasa o mesmo. Non se consegue que os libros galegos cheguen a Asturias, e viceversa, como moito chega algún de Portugal. Só chega aquilo que conta coa beizón do Estado. Seguimos sufrindo o centralismo doutros tempos e o xacobinismo. Por iso é que Galiza é unha 'xaponidade', algo moi afastado.

Como é a situación da fala eonaviega, do galego de Asturias?
A súa situación do galego de Asturias é a mesma que teñen todas as linguas aquí, a mesma que ten o asturiano, a mesma que tiña o galego nos anos cincuenta ou sesenta, cun moi escaso recoñecemento social e político. A culpábel desta situación é esa ideoloxía xacobina de mercar os móbeis do pasado para mercar un futuro. A culpa é desta política virtual, que ten moi pouco que ver coa realidade. Os culpábeis son eses políticos charlatáns, que van polas vilas e aldeas cambiando as fiestras de madeira por fiestras de aluminio. Tivemos sempre unha sorte horrorosa en Asturias cos políticos, en canto á sensibilidade cultural. Sorpréndeme que unha persoa como Vicente Álvarez Areces, militante comunista, que foi un dos principais responsábeis da constitución do PCG en Galiza e que loitou polas liberdades, teña esta actitude. Paréceme unha hipocrisía que unha persoa que ten o asturiano condenado a morte participe en homenaxes a Voces Ceibes, e fale do seu amor pola lingua galega.

O nacionalismo galego comprende as reivindicacións asturianistas?
Ao nacionalismo galego non lle preocupa Asturias. Preocúpase polas comarcas do Eo-Navia cando non ten outra cousa que facer. En Galiza sacan a bandeira da defensa dos falantes do galego en Asturias, pero nunca fixeron nada por eles. Creo que en todo iso hai unha mala lectura dos prexuízos de Castelao cara aos asturianos, da súa visión do Estado conformado unicamente por catro nacionalidades, que provocaron a existencia destes mesmos prexuízos en certo nacionalismo galego nos anos sesenta e setenta. Isto é a postura dalgúns, que conste. Eu teño moi bos amigos en Galiza, por exemplo, Ramiro Fonte, que era moi amigo meu.

Como ves o futuro do asturiano?
Ningún, non lle vexo ningún futuro mentres non cambien as cousas. Sen a oficialidade e sen a protección da administración hai pouco que facer. A sociedade está facendo cousas, iso si. Edítanse moitos libros e moitos discos en asturiano, de moitas clases, e teñen un mercado. Hai algunha axuda, claro, pero só se te mantén na túa gaiola acoutada, no teu gueto, se queres medrar négancho todo. Como vai chegar un libro en asturiano a Santiago, ou a Lisboa, ou a Nova York? Son vergonzas que deben ficar na casa. Gástanse máis cartos en facer invisíbel o asturiano en Asturias ca en facer visíbel o galego en Galiza.

Non ves motivo para o optimismo, pois? Non cres que vaian mellorar as cousas?
Lembro unha reflexión que facía Ramón Piñeiro nos anos setenta, cunha visión moi pesimista do futuro da lingua, cando nos círculos galeguistas comezaban a preguntarse sobre a posibilidade de traballar cunha cultura galega non vencellada á lingua. Son un pesimista cos pés no chan, que é unha forma de ser optimista.


4,76/5 (68 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: