Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O 'CANCIONEIRO DE MONFERO'

O calote de Álvarez Blázquez

O 28 de nadal de 1953 saíu do prelo o libro, que contiña oito cantigas medievais do poeta, que as fixo pasar por textos orixinais do século XIII.

M.S.P. - 11:45 29/12/2008
Falso manuscrito de Frei Ramón Pazos

Falso manuscrito de Frei Ramón Pazos

Xosé María Álvarez Blázquez foi un dos meirandes expertos da literatura medieval galego-portuguesa. En 1952 publicara en Galaxia o primeiro tomo da súa Escolma de Poesía Galega, dedicada a aquela época, e que revisaría e ampliaría en 1975. O seu estudo dos textos medievais fora tan profundo que foi quen de compoñer el mesmo oito novos poemas de amor, de amigo e de escarnio e maldizer, que fixo pasar por orixinais, enganando aos demais expertos na materia. O 28 de decembro de 1953 publicou en Edicións Monterrei o Cancioneiro de Monfero.

O libro contiña as oito cantigas acompañadas dun limiar e mais da reprodución facsimilar do que sería a presentación do frade Ramón Pazos, responsábel (imaxinario) no século XVII de copiar as cantigas. O frade explicaba neste texto que "estos cantares en lengua antigua halle escritos en tres fojas de pergamino en los libros deste monasterio" e que, ante o dano dos antigos papeis, "diles traslado en la parte que falle posible". A obra teríana atopado "entre uns vellos papeis destinados ao muíño" o propio Álvarez Blázquez e mais o seu socio da editorial Monterrei, Lois Viñas Cortegoso.

Engano colectivo
Álvarez Blázquez falaba da existencia de 29 composicións inéditas, que se unirían ás máis de dúas mil xa coñecidas que que foran analizadas polo propio autor. Alonso Montero escribe que "Moitos dous letrados galegos acolleron ou Cancioeiro de Monfero non só con credulidade senón con entusiasmo, pois esa colectánea, vencellada a un mosteiro galego, engadía ao mapa dá nosa poesía medieval profana un novo cancioneiro". Eruditos coma o propio Rodrigues Lapa, considerado o principal investigador da nosa lírica medieval caeron na trampa. E Alonso Montero lembra a ledicia de López-Cuevillas ante a aparición daquel novo texto, aínda que apunta igualmente que Filgueira Valverde si sospeitou do engano, aínda que non o denunciase no seu momento. Porque Álvarez Blázquez deseguida declarou a falsidade do cancioneiro, procurando que ningún investigador ou experto ficase mancado.

Para Darío Xohán Cabana, "estas oito cantigas constitúen o cume 'científico' da escola neotrobadoresca (...) Hai, unha vez que sabemos que son falsas, unha engádega de emoción filolóxica que se suma á emoción propiamente poética". Darío Xohán Cabana é claro: "Álvarez Blázquez non imita: transfigúrase en Fernando Esquío (...) e desde esas personalidades constrúe cántigas 'auténticas' (...) O Cancioneiro de Monfero non se debe considerar nin como un simple xogo erudito, nin como un froito máis da escola neotrobadoresca. Nel hai outra cousa: a emoción que xorde dunha máxica identificación poética cos trobadores".

Nun dos poema, Alvarez Blázquez trata a figura de María Balteira, sendo un dos primeiros autores contemporáneos en abordar esta figura, despois protagonista de textos de varios poetas.

María Balteira, da saia cintada,
foi por guañar mui boa soldada
ena sazón que se fezo cruzada.
Por én, bailemos aquesta bailada

Pero d'Ambroa quis guañar perdón
e logo lli deron Balteira per don
porque tragese levado o pendón.
Por én, bailemos aqueste boo son.


Ligazóns

4,78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: