O vicepresidente da Xunta non entende que das palabras de Pérez Touriño se poidan interpretar obstáculos ao proceso desde o Goberno.
"É unha sinceridade que hai que agradecerlle ao señor Feijoo, porque este é un concurso histórico no que por primeira vez a produción de enerxía eléctrica vai redundar en beneficio dos galegos", avaliou o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana. Afirmou ao respecto que o que o líder do PP en Galiza pretendería "é volver ao de antes, cando no canto de beneficiárense os galegos acababan beneficiándose tres ou catro que se beneficiaron toda a vida".
Segundo Quintana, os cidadáns "terán moi en conta a posición de Feijoo", de quen insinuou que está a prol de que o beneficio eólico "redunde en tres ou catro empresas que nada teñen que ver co noso país". Así, insistiu o vicepresidente en que, co modelo actual, mudará o escenario no cal Galiza producía enerxía eléctrica "padecendo as consecuencias de grandes impactos medioambientais e sen que os beneficios revertesen no país e nin sequera as empresas tivesen domicilio social en Galiza". "Por primeira vez a cousa cambia", insistiu.
Por outra parte, tamén se referiu Quintana ás palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coas que o mandatario cualificara a resolución do pasado venres como un "paso inicial" antes da peneira do Consello da Xunta ao respecto dos proxectos. Na opinión de Anxo Quintana, non habería problemas nese proceso para a beizón da decisión da Consellaría de Industria. “Eu comparto plenamente as súas afirmacións”, indicou ao respecto das puntualizacións do presidente, "o Goberno, co presidente á cabeza e con todos os que formamos parte del, temos que estar na disposición de que sempre se cumpra a legalidade”.
Anteriores: