Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O vello carboeiro baixas das montañas

Aí vén o apalpador!

Esta cuarta feira sairá polas cidades galegas, apalpando os bandullos das crianzas e traéndolles agasallos. Unha recuperación firme da nosa tradición que os centros sociais galegos fan visíbel.

Redacción - 12:45 24/12/2008
Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

O pasado ano o CS O Pichel de Compostela recuperaba o traballo de investigación de José André Lôpez Gonçâlez sobre un vello carboeiro que baixaba das montañas luguesas a traerlles presentes aos nenos, moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus chegasen importadoas doutras latitudes.

Para que neste tempo de présa e consumo non se perda este persoeiro autóctono, os Centros Sociais do país xuntáronse para facelo visíbel nas rúas. Este ano o Apalpador camiña, por primeira vez, só. Haberá pasarrúas protagonizados polo vello barrigán en Ponteareas (sairá esta cuarta á tardiña, da Baiuca Vermelha), Compostela (17:00 horas desta cuarta), Vigo (na sexta feira, 26, ás 18:30 horas), Pontevedra, LugoA Limia, Ourense (a segunda feira que vén, día 29, ás 17:00 horas) e Ferrol (o día 30).

Ademais, dende o programa da Radio Galega Aberto por reformas, dirixido por Xurxo Souto, levan semanas argallando unha campaña para que a xente achegue lendas, anécdotas, contos e outras informacións sobre este personaxe, ademais de cantigas, versos e mesmo ilustracións. O primeiro debuxo deste home chegou da man de Leandro (na imaxe), mais a lenda medra e con ela unhas festas de inverno máis galegas, humanas e menos consumistas.

O Apalpador quer ser o teu amigo... en Facebook
A intervención e participación nas redes sociais contribuíu altamente á divulgación desta personaxe. Co apoio da plataforma ridiculista Sei o que nos Figestes, creouse mesmo un grupo no Facebook chamado O Apalpador quer ser o teu amigo. Tres semanas despois da súa creación, xa conta con máis de 300 membros.

O Apalpador
O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A tradición, recollida por Lôpez Gonçâlez nas comarcas do Courel, Lóuzara e o Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Hai quen cre que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

Ademais, nos últimos días sóubose dun outro nome que leva esta figura no sur do país: O Pandigueiro. Este baixaba da Cabeza Grande pola banda de Trives e de que se agochaba na Raíña Loba pola banda do val do Salas. A cantiga chamábao: "Pandigueiro na noitiña, Pandigueiro vén axiña".

A cantiga de Amadora de Galego

Vai-te logo meu ninín/niniña,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.

Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.

Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo
.

Cantiga de Amadora de Galego, labrega de 79 anos en Romeor do Courel
(Recollida en 1994 por José André Lôpez Gonçâlez)


4,86/5 (28 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: