A campaña "Hai partido, xogas?", que os populares levaron por todo o país, estendeu 10 milleiros de novos carnés.
Feijoo nun acto político en Santa Comba
No treito final da hexemonía do fraguismo no PP en Galiza, aseguraban desde o partido que a cifra de afiliación se movía entre as 90 mil e as 100 mil persoas. Con todo, admitían que certa flexibilidade á hora de estender carnés facía pensar que a afiliación real quedase ben por baixo deses números.
Esta semana, o PPdeG achegou datos da campaña de afiliación despregada nos últimos dous anos baixo o lema "Hai partido, xogas?". Carné arriba ou abaixo, os populares dan por cumprido o obxectivo de incrementar en 10 mil persoas a súa base activa, nunha iniciativa coa que pasearon ademais o seu proxecto político por un elevado número de vilas e cidades. Ao fío, e malia que non achegan datos concretos, destacan especialmente a alta porcentaxe de mozos e mulleres que, aseguran, se inscribiron nestes dous anos e medio no PPdeG.
Festa o venres en Compostela
Consideran os populares que hai exemplo da activación e "forza" das súas bases nun feixe de actos recentes onde a formación liderada por Alberto Núñez Feijoo vén enchendo as salas e auditorios onde convoca os seus simpatizantes. "O PPdeG non só está máis unido que nunca, senón que é máis numeroso que nunca", resumen fontes populares.
Aproveitando a conxuntura, o PPdeG organizou para este venres en Santiago un acto político, no que participará tamén o presidente do PP a nivel estatal, Mariano Rajoy, e no que se entregarán de xeito simbólico os carnés do partido a algúns dos últimos afiliados.