ABSA e Emetel desenvolveron un sistema que reducirá os procesos manuais e garantirá a trazabilidade dos produtos pesqueiros.
A empresa Armadores de Burela (ABSA) implantará unha rede sen fíos para mellorar a xestión da produción pesqueira. Segundo anunciou a compañía, o uso do sistema Wi-Fi e de terminais móbiles permitirá asegurar a trazabilidade do produto e aforrar tempo e custos.
A solución foi desenvolvida por Emetel, firma especializada en enxeñaría de redes e de comunicacións, e poñerá en funcionamento un sistema de rexistro electrónico das pesaxes e das vendas nas poxas. O director xerente de ABSA, Miguel Neira, explicou que a técnica "implica unha diminución na realización das tarefas manuais e no número de erros", o que tamén vai supoñer unha redución de custos, de tempo e de materias primas.
Os traballadores dispoñerán de terminais móbiles PDA con lectores de códigos de barras para "garantir a trazabilidade dos produtos" e recollerán os datos de cada unha das caixas: especie, peso, prezo, data e lugar de captura.
Deste xeito, os vendedores da lonxa poderanse conectar á rede da súa compañía e rexistrar as vendas nas súas aplicacións, asociar cada caixa ao seu comprador e imprimir a factura sen se ter que desprazar á área de oficinas. Segundo explicou Neira, a compañía ten "prioridade" pola instalación de novas tecnoloxías e describiu o proxecto como "un primeiro paso" para desenvolver máis aplicacións.