O propietario do Castelo de Pambre (Palas de Rei) foi titular entre 1992 e 1995 de 150 toneladas de cuota láctea malia non ter unha soa vaca e mentres moitos gandeiros galegos foron sancionados por exceso de producción. A revista Interviú explica o caso no seu último número.
Segundo explica a publicación, Manuel Taboada, o dono do Castelo de Pambre e herdeiro ó título de Conde de Borraxeiros, obtivo a cuota dunha empresa filial do Grupo Clesa, Lácteas del Atlántico, S.A. quen para darlla xustificou que leveba producindo dende había anos. Nos tres anos que abranguen de 1992 a 1995, esta empresa simulou compras de leite a Taboada ata completa-la cantidade de producción anual de 150 toneladas.
Diste xeito, Lácteas del Atlántico, S.A. puido blanquea-lo leite mercado a gandeiros que xa excederan seu cupo. Pola súa banda, Taboada ingresou 800.000 pesetas por esta venda ficticia de leite.
Esta situación rematou cando Clesa e o seu grupo foi adquirido por Parmalat, en 1995. Dende aquela, a industria non merca o leite directamente, senón a traverso de centrais de compra. Taboada víuse na obriga de se desfacer do seu dereito de producción, que vendeu por unha cantidade descoñecida, pero que podería estar arredor dos sete millóns de pesetas.