Unha bióloga mariña descubriu que os cefalópodos non seguen patróns de conduta recorrentes á hora de reaccionar a imaxes de vídeo.
A bióloga mariña Renata Pronk, da Universidade de Macquarie, en Australia, decidiu investigar como reaccionaban os polbos aos programas de televisión. A súa conclusión é que prefiren as imaxes en alta definición. Ademais, chegou á conclusión de que os cefalópodos carecen de personalidade individual, malia a súa intelixencia.
A investigadora lembra que "os polbos poden abrir frascos desenroscando a tapa e resolver labirintos para chegar á comida". "E tamén poden resolver problemas simples", engade, tendo en conta que ten que haber alimento como recompensa.
Pero quixo saber se os polbos teñen personalidade, o que describiu como "respostas repetitivas" que amosasen un certo perfil de conduta. Para descubrilo, capturou 32 polbos de Sydney e amosoulles unha serie de vídeos de tres minutos nun monitor situado diante do acuario.
Un dos filmes amosaba un caranguexo, un dos alimentos favoritos dos cefalópodos; o segundo, outro polbo, e o terceiro, un obxecto descoñecido: unha botella de plástico abaneándose nunha corda. Pronk observou cada exemplar para analizar se tiña algún patrón de resposta.
O vídeo do caranguexo provocaba que os animais se achegasen ao monitor e tentasen atacalo, o que evidenciaba que estaban a ver comida. Perante o filme do polbo, algúns reaccionaban con agresividade mentres que outros cambiaban a camuflaxe da súa pel ou fuxían cara a outro recuncho do tanque de auga. A botella provocou que algúns se asustasen, mentres que outros non prestaban atención.
Porén, despois de repetir o experimento durante varios días, os polbos non seguían respostas recorrentes, polo que a investigadora chegou á conclusión de que non tiñan personalidade. Pero tamén descubriu que os sensíbeis ollos dos animais non eran capaces de distinguir imaxes en movemento a 25 cadros por segundo, a taxa estándar do sistema de televisión PAL, polo que foi preciso usar imaxes de alta definición, a 50 imaxes por segundo.
Despois da experiencia, Renata Pronk confesou que lle resulta difícil comer polbo: "Sei o intelixentes que son. Son uns animais fermosos".