Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A DIRECTIVA NON ENTRARÁ EN VIGOR

O Parlamento Europeo di 'non' ao horario laboral de 65 horas semanais

A maioría absoluta dos europarlamentarios rexeitou a reforma, co voto do grupo socialista, verdes e algúns deputados conservadores.

Redacción - 13:00 17/12/2008

Nunha tensa votación a Eurocámara rexeitou a directiva comunitaria que permitiría ampliar a xornada laboral de 48 até as 65 horas semanais en toda a UE. O resultado constitúe unha vitoria do Parlamento sobre os Estados, que apoiaran maioritariamente a reforma. O Grupo Socialista Europeo, así como o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea e os Verdes-ALE , votaron en contra da reforma, así como algúns deputados do Partido Popular Europeo, o que decidiu definitivamente a votación.

Alejandro Cercas, o eurodiputado socialista encargado do informe sobre esta lexislación, explicou, entre longos e efusivos aplausos, que a decisión é un "triunfo" do Parlamento e que non debe ser tomada polos Vinte e sete como un "contratempo", senón como unha "oportunidade de rectificar unha decisión equivocada" e valorar en toda Europa a "reconciliación da vida familiar e persoal e a vida profesional". O límite máximo de 48 horas semanais foi gañado despois de máis dun século de loita sindical, e foi recoñecido en 1919 pola Organización Internacional do Traballo.A norma que finalmente non saíu adiante afectaba de forma específica a sectores como o sanitario, ao non considerar horas de traballo o tempo de garda que non se emprega en labores de atención médica. E permitía pospoñer o descanso obrigatorio tras a garda para traballar máis horas seguidas tamén noutras profesións, como a de bombeiro.Até agora, unha cláusula provisional xeneralizada en Reino Unido desde 1993 permite a patrón e empregado, previo pacto, superar o límite de 48 horas semanales vigente. O resultado de hoxe podería mesmo obrigar ao Reino Unido a modificar a súa lexislación e a axustarse ao límite de 48 horas.Tras esta votación, comeza un periodo de 'conciliación' entre os gobernos, o Parlamento e a Comisión para tentar, nun prazo de 90 días, chegar a un acordo, aínda que a sustancia do aprobado este mércores pola Eurocámara prevalecerá agora nesas negociacións. Se non hai pacto, a lexislación abandónase e continuarase co maximo de 48 horas semanales, como o que se aplica en España, con excepcións para algúns membros.

Comunicado do do BNG ao respecto da votación

"O BNG congratúlase de que o Parlamento Europeo rexeitara hoxe en sesión plenar a emenda sobre as 65 horas de traballo da proposta de Directiva do Consello sobre ordenación do tempo de traballo. Este sinal claro da maioria parlamentar europea para os Estados membros, pretende que os sistemas de harmonización laboral vaian á alta, e non á baixa como se pretendia e que non se volte atrás o acadado en moitos anos dos dereitos colectivos e individuais dos  e das traballadoras en Europa". Ana Miranda, voceira do BNG en Bruxelas transmite ademais que o grupo Verdes-ALE do Parlamento posibilitou tamén co voto das emendas ao informe Cercas que se poida paralizar a rotunda e neoliberal proposta do Consello, que pasa agora ao procedimento de conciliación e que supón un sinal claro de rexeitamento de propostas que van contra a economia productiva conciliada coa vida laboral da cidadania da  Unión Europea.


4,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: