Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ADRIÁN LÓPEZ, XOGADOR DO DEPORTIVO

"O club está tomando a canteira máis en serio"

O central das pontes é un dos 22 xogadores seleccionados por Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias para xogar coa irmandiña o día 27.

Redacción - 09:00 17/12/2008
Adrián López cambiará este nadal a camiseta do Dépor pola da Irmandiña

Adrián López cambiará este nadal a camiseta do Dépor pola da Irmandiña

Da man de Miguel Ángel Lotina, a canteira do Deportivo parece estar a despertar da longa noite de pedra que supuxo o período adestrado por Irureta para as categorías inferiores. Agora o eumés cumpre a súa segunda tempada afianzado no primeiro equipo, e repite tamén coa selección irmandiña.

En primeiro lugar gustaríanos saber se estás disposto a participar no encontro do día 27?
Está claro que se me convocan vou ir encantado.

Este ano agárdase a incorporación de dous xogadores que non puideron estar antes, como Nacho Novo e Borja Oubiña. Que pensas que poden aportar ao equipo?

Eu creo que o equipo seguirá a liña do ano pasado, cando xa se viu unha boa selección con xogadores de calidade. Mais está claro que se veñen eses dous xogadores van axudar a seguir mellorando.

O ano pasado estreácheste en Balaidos e este ano xogas na túa casa, en Riazor. Que agardas atopar alí?
O ambiente que houbo o ano pasado foi espectacular e estou moi contento por ter a oportunidade de xogar un pouco nese partido. En Riazor tamén vai ser un partido especial. É un estadio moi bonito e se está cheo é marabilloso xogar alí.

E que pensas do rival, a selección chilena?
É un bo equipo, unha selección de nivel. Eu penso que a xente vai desfrutar cun rival desta categoría.

Como agardas que se desenvolva o partido?
Iso non se sabe, pero está claro que os dous equipos tentaremos facelo o mellor posíbel. Eles teñen que dar o máximo para demostrar que merecen ser chamados co seu equipo e nós debemos facelo pola xente que veña a Riazor. O ano pasado xa empatamos contra Camerún, un equipo importante, e estamos demostrando que podemos dar a talla. Penso que vai ser un partido de moita disputa.

Poderíamos dicir que es un becho raro, se reparamos en que fuches dos poucos xogadores saídos da academia deportivista consolidado no primeiro equipo. A que atribúes isto?
O Dépor antes non sacaba xente, pero nos últimos anos apostouse máis pola canteira e isto está dando os seus resultados. O club estáse tomando a canteira máis en serio e pouco a pouco irá sacando xente.

Con só 21 anos estás aínda a comezar a túa carreira. Que xogadores ves como os máis firmes proxectos de futuro dentro do fútbol galego?
Está Jonathan Pereira, que ven facendo un papel moi bo. Despois aos que máis coñezo son os do filial do Dépor, que tiñamos un grupo moi bo o ano pasado.

Un resultado?
Que haxa goles e se divirta a afección, por exemplo un tres a un para nós.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: