Automoción, renovábeis, biotecnoloxía, audiovisual e tecnoloxías da información e a comunicación absorberán o investimento.
A primeira inxección económica derivada dos cartos concedidos á Xunta polo Banco Europeo de Investimentos (BEI) chegará esta mesma semana e será por valor de 45 millóns de euros. Un préstamo do que o Goberno sinala as "favorábeis condicións" (prazo a 12 anos con custo de euríbor máis un 0,135), e a importancia estratéxica no plano da axuda a mellora de infraestruturas e innovación empresarial.
O conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, asinou este luns o acordo co vicepresidente do BEI, Carlos da Silva Costa, e destacou o interese da operación en relación ao "interese común de Galiza e Europa para o impulso da sociedade do coñecemento, da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico". Salientou Fernández Antonio o papel clave destes recursos nun momento de crise económica onde o empresariado sofre dunha forte restrición crediticia.
A Cidade Tecnolóxica de Vigo ou a ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, son exemplo de infraestruturas que poderán beneficiarse do pacto co BEI. Por outro lado, aínda sen asinar, quedou marcada na axenda a confirmación doutra axuda por valor de 50 millóns de euros para o financiamento da chamada Vía Ártabra, n'A Coruña, un proxecto que en palabras do conselleiro "mellorará a accesibilidade e reducirá a conxestión" na área metropolitana coruñesa.