Aposta por que Galiza "se convirta no país da igualdade", para poder "ser respectada no mundo".
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, reivindicou este domingo en Silleda o "traballo e esforzo" das mulleres, e advertiu de que Galiza "deixaría de funcionar" se a poboación feminina se "puxese en folga".
Ante case seis mil participantes no programa Tempos de Mulleres, que celebraron xunto a Anxo Quintana o peche desta iniciativa, o tamén portavoz nacional do BNG explicou o traballo desenvolvido polo seu departamento para "acadar o recoñecemento social das mulleres" polo seu labor.
Neste senso, recordou que un recente estudo valorou en 15 mil millóns de euros o traballo doméstico non remunerado, e fixo fincapé en que no mundo "hai miles de mulleres que traballan pola mañá e pola tarde" e que ademais "coidan dos seus fillos, pais e nais, dos seus maridos e non son recoñecidas como mulleres extraordinarias" o que, ao seu xuízo, "é unha inxustiza".
Valedoría da Igualdade
Por iso, defendeu a organización deste acto multitudinario, porque na súa opinión é unha forma de "visibilizar o papel das mulleres, que supoñen o 50% da sociedade". Con todo, adiantouse a posíbeis críticas e avisou aos que as emitan que de se reunir "con outros tantos homes ou empresarios non pasaría nada".
Anxo Quintana resaltou que para a loita real contra a discriminación hai que poñer en marcha instrumentos, e un deles -dixo- constitúeo a Valedoría da Igualdade, que se creará na próxima lexislatura co obxectivo de investigar as posibles situacións de discriminación por razón de xénero.