A partir dos disturbios de 2005, o presidente Faure Gnassingbé comezou o diálogo cos grupos da oposición.
O actual presidente, Faure Eyadéma
A pasada cuarta feira, coincidindo co 60º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o goberno de Togo -un dos países que acumulan máis denuncias pola violación dos mesmos- presentou unha proposta para abolir a pena capital.
A Liga Togolesa de Dereitos Humanos (Ligue togolaise des droits de l'homme, LTDH) cualificou a iniciativa, que aínda debe ten que ser referendada polo parlamento, como "un paso histórico". A LTDH vénlle pedindo ao presidente Faure Gnassingbé a adopción desta medida dende os disturbios de 2005.
"A pena de morte vese como un castigo humillante, cruel e degradante pola comunidade de nacións a que pertencemos e que respectan os dereitos humanos", destacou a organización nun comunicado recollido polas axencias internacionais. Salientan ademais, que malia a moratoria estabelecida hai 30 anos, a pena ficara "na consciencia do togoleses" durante todo este tempo.
No Togo do predecesor de Faure, o seu pai Gnassingbé Eyadéma, a violación de dereitos humanos, incluído o masacre de membros da oposición, era habitual. Á súa morte, o seu fillo accedeu ao poder mediante un golpe militar, continuando co terrorismo de Estado. Porén, dende 2005, abriu a vía de diálogo con rivais políticos e os países da contorna.
A LTDH traballa agora no estabelecemento dunha Comisión da Verdade e da Reconciliación, ao abeiro dun acordo asinado co goberno en agosto de 2006 polo cal este tribunal de Memoria Histórica investigará os crimes cometidos polo réxime de Eyadéma, mais tamén pola oposición.