A entidade, presidida por José Manuel Urgoiti, xestionará as actividades do Gaiás que teñan carácter comercial.
O Consello da Xunta deste xoves aprobou a transferencia de 12,5 millóns de euros dende a Fundación Cidade da Cultura até a nova fundación mixta público-privada, que se constituirá nas vindeiras semanas e que pasará a xestionar as actividades no complexo do Gaiás que teñen carácter comercial. A transferencia expresa cuantitativamente a participación da Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura na nova fundación mixta, que ten un capital inicial de 25 millóns de euros, que terá unha participación privada do 51% (a pública nunca poderá superar o 49%).
Na fundación participarán unha boa parte das máis importantes empresas do país, que "asumen así unha cota de responsabilidade moi elevada nun proxecto que é estratéxico para Galiza", dixo Touriño. O Consello da Xunta culmina así toda a parte administrativa para que nas vindeiras semanas se poida constituír e naza xuridicamente a nova fundación da Cidade da Cultura, presidida por José Manuel Urgoiti, presidente do Banco Gallego e conselleiro de Inditex. A súa data, indicou o presidente da Xunta, é unha simple cuestión de axenda.
A súa función será xestionar as actividades transversais dos centros que forma parte do complexo, en especial o Centro Internacional de Arte, o Museo de Nenos e Nenas e o que no seu día será o espazo Obradoiro. Está prevista a implicación dun importante grupo de empresas galegas (Caixanova, R, Banco Galego, Caixa Galicia, Inditex, Unión Fenosa, Inveravante e outras). Entre os seus representantes nomearanse patróns da nova fundación (que terá máis de 25 membros), e tamén unha ou varias vicepresidencias, unha comisión executiva e cargos de goberno, como un director xeral e responsábeis para os centros baixo a súa xestión directa.
Hai unhas semanas Urgoiti declaraba que prevía que estes servizos cheguen a xerar ingresos que permitan o "autofinanciamento". Para afrontar os proxectos que acollerán estes centros, Urgoiti explicou que están previstas distintas fórmulas que pasan por patrocinios de empresas, colaboracións con outras entidades que faciliten as cesións mutuas de coleccións de arte, doazóns de empresas e de particulares, coproducións de proxectos, achegas de provedores, venda de entradas, aluguer de instalacións para distintos usos...