Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ENTREGARANSE O DÍA 19 EN VIGO

Murado, Beramendi e Fernández Paz, favoritos nos Premios da Edición

Os tres optan ao premio ao mellor autor que outorga a Asociación Galega de Editores.

Redacción - 17:30 10/12/2008

Son os tres grandes protagonistas da literatura galega no ano 2008. Xusto Beramendi recibiu o premio ao mellor ensaio do Estado que entrega o Ministerio de Cultura; Agustín Fernández Paz recibiu o de mellor libro infantil e xuvenil; e Miguel Anxo Murado impactou coa publicación de Fin de Século en Palestina, ademais de entregar o ensaio Otra idea de Galicia. Os tres autores obtiveron o recoñecemento nos premios entregados pola Asociación de Escritores ás mellores obras de ensaio, LIX e narrativa, respectivamente.

Os tres son candidatos, desta vez, ao premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor autor galego do ano. Ademais, Fin de Século en Palestina (Murado) e A pastelaría de Dona Remedios (Fernández Paz), son finalistas noutras categorías. Nesta IV Noite da Edición serán homenaxeados no apartado da Edición Histórica os fundadores da Asociación Galega de Editores, que celebra no 2008 o seu vinte e cinco aniversario. Ademais, este ano o Premio Francisco Fernández del Riego, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa ou entidade na promoción do libro galego, recaeu na empresa GADISA.

Neste momento os membros da Asociación Galega de Editores están a efectuar as súas votacións para cada elixir entre os finalistas en cada unha das cinco categorías. Os gañadores coñeceranse na mesma gala de entrega dos premios, a Noite da Edición, que se celebrará no Verbum vigués o venres 19 de decembro. O pasado ano Anxos Sumai recibiu o premio á mellor autora, O Made in Galiza de Sechu Sende o de mellor obra, e Fernández Paz o de mellor libro infantil e xuvenil por O único que queda é o amor. Beramendi figuraba entre os candidatos ao mellor libro do ano por De provincia a nación.

Velaquí os candidatos
Premio Ánxel Casal ao Libro do ano:
-A arquitectura en Galiza: Aproximación á realidade arquitectónica xeral de Galiza dende a Prehistoria ata os nosos días, de Manuel Torres Búa (Edicións Nigra Trea)
-A conta atrás, de Carlos Portela (Faktoría K de Libros)
-A vida nova de Madame Bovary, de Xosé Carlos Caneiro (Editorial Galaxia)
-Caderno de animalista, de Antom Fortes (OQO Editora)
-Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado (Editorial Galaxia)
-O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. Docampo (Edicións Xerais de Galicia)
-Os animais domésticos na Historia de Galicia, de Diego Conde e José M. Vázquez Varela (3C3 Editores)

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano:
-A pastelaría de Dona Remedios, de Agustín Fernández Paz (Rodeira-Edebé)
-Caracois, de Armando Quintero (OQO Editora)
-Imaxina animais, de Xosé Ballesteros (Kalandraka Editora)
-O ladrón de palabras, de Anxo Fariña (Edicións A Nosa Terra)
-PAlAbrAs brAncAs, de Elvira Riveiro Tobío (Edicións Xerais de Galicia)

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano:
-A fabulosa lenda do Rei Artur, traducido por Isabel Soto e Xabier Senín (Rodeira-Edebé)
-As flores do mal, traducido por Gonzalo Navaza (Editorial Galaxia)
-Cantos e fragmentos, traducido por Raúl Gómez Pato (Edicións Positivas)
-Deshonra, traducido por Moisés Barcía (Rinoceronte Editora)
-Eu servín ao Rei de Inglaterra, traducido por Fernando de Castro (Rinoceronte Editora)
-Lolita, traducido por Xesús Fraga (Faktoría K de Libros)
-Mal de escola, traducido por Xabier Senín e Isabel Soto (Edicións Xerais de Galicia)

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano:
-A fabulosa lenda do Rei Artur, ilustrado por Francesc Rovira (Rodeira-Edebé)
-Celso Emilio Ferreiro. Selección poética, ilustrado por Baldo Ramos (Faktoría K de Libros)
-O libro das viaxes imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas (Edicións Xerais de Galicia)
-Rosalía de Castro. Selección poética, ilustrado por Belén Padrón (Faktoría K de Libros)
-Terra Libre, ilustrado por Fran Jaraba (Edicións Xerais de Galicia)

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano:
-Agustín Fernández Paz
-Xusto Beramendi
-Miguel Anxo Murado


4,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: