 
 
A supresión de escenas do filme Brokeback Mountain sería exemplo da ofesiva homófoba favorecida polo goberno, critican as asociacións.
 
											A volta do executivo conservador de Silvio Berlusconi ao poder en Italia volve ofrecer no escenario televisivo revirados episodios de censura, como xa acontecera en etapas anteriores. A última aconteceu este mesmo martes cando a Rai Due emitía en horario nocturno e desde as 22h45 o  filme estadounidense Brokeback Mountain.   
  
  Os televidentes que coñecían a película de antemán, viron con sorpresa como a premiada historia de amor entre dous homes interpretada por Heath Ledger e Jake Gyllenhaal foi emitida con cortes na canle pública italiana. Así, dúas escenas referidas respectivamente a un bico entre os protagonistas e á súa primeira relación sexual, foron eliminadas da cinta.   
  
  Diversos colectivos sociais italianos critican este mércores a censura practicada pola dirección da canle con este filme e piden que se volva emitir integramente e sen recortes. "O servizo público de televisión non pode de ningún xeito apoiar a crecente homofobia neste país", laiouse Aurelio Mancuso, da asociación Arcigay. "Quixeron transformar un delicado filme de amor nunha película familiar", ironizan para a axencia Ansa desde outro colectivo en defensa dos dereitos dos homosexuais.   
  
  No ensino: recortes para o público e privilexio para o privado 
  No marco das acusacións ao goberno Berlusconi pola súa proximidade cos sectores máis reaccionarios do país, está de actualidade tamén a polémica polas axudas económicas ás escolas.   
  
  O goberno italiano reaccionou recentemente fronte ás presións do Vaticano e introduciu unha emenda que correxía unha emenda anterior. O motivo: manter as axudas para as escolas privadas do país, moitas delas católicas. En apenas unhas horas, e cunha velada ameaza polo medio lanzada polo director da Conferencia Episcopal Italiana, o executivo aceptou a concesión aos colexios católicos. Dese xeito, mantéñense os recortes para as escolas públicas, que non lle afectarán ás privadas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto