A iniciativa, pioneira no Estado Español, pódese consultar na web Galiciaaberta.com, da Secretaría Xeral de Emigración.
A Secretaría Xeral de Emigración incorpora unha nova ferramenta ao portal Galiciaaberta.com. Este martes presentou en Vigo o primeiro Mapa de Recursos Migratorios que se pon en marcha no Estado Español, unha aplicación interactiva que recollerá todos os contidos que hai no país dirixidos ao colectivo inmigrante.
Segundo asegurou o secretario xeral, Manuel Luís Rodríguez, o mapa permítelles aos inmigrantes e aos profesionais de entidades públicas e privadas consultar todos os programas, servizos de axuda e campañas destinadas á inmigración e ás persoas emigrantes retornadas.
O mapa forma parte do Plan Galego de Cidadanía, Convivencia e Integración, e fai que recursos que "non eran coñecidos" pola poboación á que se dirixen sexan agora accesíbeis a través da internet. Outro dos obxectivos do mapa é fomentar a coordinación entre as entidades implicadas para evitar duplicacións en programas de actuación.
O servizo divídese en dous grupos de recursos: os de ámbito galego e os do eido local. A información vai acompañada dos datos de contacto da entidade que o promove, para facilitar a súa localización, e está sometida a "actualización constante".