Até o domingo o Pazo de Exposicións da Coruña será escenario dunha ampla oferta cultural feita en Galiza
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, inaugurou este venres Cultur.gal 08. Estivo acompañada do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, e os representantes dos sectores participantes na feira. No acto de inauguración, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, convidou "a toda Coruña e a toda Galicia que se acheguen, vexan, escoiten, aprendan, que participen nas actividades e que coñezan o enorme número de persoas que fan posible que exista a cultura galega". O director do Cultur.gal, Nel Vidal, sinalou que ademais de "amosar a potencialidade da cultura galega", a feira "apoia e fortalece o sector industrial da cultura".
Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, definiu esta cita como "un lugar de encontro, de diálogo e de participación dos sectores culturais e do público, un espazo de cohesión e vertebración para construír a cultura galega". O Cultur.gal constitúe unha "gran mostra da cultura galega, entendida como unha realidade viva, dinámica e vigorosa", pero tamén "unha grande central de negocios", segundo destacou o director xeral.
En representación dos sectores culturais, Fran Alonso sinalou que nesta segunda edición, a Feira convertiuse nunha "cita ineludible" e "consolidada" na cultura galega. "Reivindicamos a fortaleza da cultura galega e a súa profesionalización, que redunda na dignificación, na educación e no lecer dos galegos", engadiu, para concluír que "en canto se proba a cultura galega, xera adicción". Como reto desta segunda edición, a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, indicou a necesidade de "chegar a toda a cidadanía".