Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A promesa quedará incumprida

As présas lexislativas non deixan oco para remendo da CRTVG

O presidente da Xunta argumentou que o aumento de audiencia sería exemplo de maior independencia. Desde o PP opinan que está ao servizo "exclusivo" de Touriño.

Redacción - 09:00 04/12/2008

"A transparencia é aparencia", zumbou Alberto Núñez Feijoo este mércores no lombo do Goberno, acusando o presidente da Xunta de "incumprir" o compromiso para a aprobación dunha nova lei para a televisión pública e o nomeamento do director da CRTVG por maioría cualificada do Parlamento. "Tristemente a TVG é hoxe un instrumento político para o seu propio e exclusivo servizo", acusou o líder do PPdeG ao presidente da Xunta durante o pleno parlamentario, afirmando que o actual Goberno degradou a condición "pública" do ente radiotelevisivo.

As queixas dos populares chegan ás portas das eleccións e sen tempo para que a Xunta cumpra coa anunciada reforma dos medios públicos. Así, entre o abano de proxectos lexislativos que o Goberno acelerou nos últimos tempos, non aparece o proxecto de mudanza da CRTVG, polo que o último treito da lexislatura manterá as susceptibilidades das formacións políticas ao respecto do grao de dependencia dos informativos públicos da liña gobernativa. Desde o PP recordaron este mércores as propias rifas acontecidas entre os socios de goberno ao respecto da presunta "manipulación" do ente. Mentres, o presidente da Xunta apostou por destacar iniciativas como a lei de publicidade institucional para subliñar o que entende que é a aposta de "renovación" do actual executivo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: