Quintana entende que os usuarios "pensen en deixar de pagar". O PP exixe explicacións nas Cortes. Industria di que volve haber servizo eléctrico en todo o país. No interior, critican o rol das deputacións.
O temporal causou problemas de circulación en todo o país
A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, anunciou esta cuarta feira que a Xunta presentou unha protesta formal ante o ministerio español de Fomento para que "non se volva repetir" o caos vivido este martes na Autoestrada do Atlántico (AP-9).
Tres accidentes múltiples provocados polo temporal á altura de Ordes, entre A Coruña e Compostela, colapsaron a principal vía de comunicación do Eixo Atlántico, que finalmente foi cortada así como outras estradas.
A Xunta quere que Fomento lle "exixa á concesionaria -Audasa- que adopte as medidas que fagan que unha resposta lenta como a de onte (por este martes) non se volva repetir nunha infraestrutura vital para Galiza", e que se poñan os medios necesarios para iso.
"Pensar en deixar de pagar a peaxe", di Quintana
En declaracións aos medios antes dunha xuntanza coa Confederación de Empresarios (CEG), o vicepresidente Anxo Quintana sinalou que o traballo de Audasa "consiste en cobrar unha peaxe para dar un servizo, e se non se dá, ao mellor os cidadáns galegos teñen que pensar en deixar de pagala".
"É lóxico que o Goberno, a través de Política Territorial reclame que se cumpran os compromisos contractuais, afirmou o número dous do Goberno, que defendeu que os cidadáns "están no seu pleno dereito para facer as reclamacións que consideran oportunas polos danos ocasionados".
Batería de preguntas do PP no Congreso
O Partido Popular, pola súa banda, rexistrou unha batería de preguntas na cámara alta do parlamento español, en relación coa situación provocada polo temporal de frío e neve nas estradas galegas, así como sobre cal era o plan de prevención que se executou ante as previsións meteorolóxicas.
A deputada coruñesa María Xesús Sáinz considera que Audasa "non actuou nin na aplicación das medidas de prevención que a situación requiría, nin deu a resposta adecuada que se require dunha vía de alta capacidade, que está cobrando unha peaxe considerábel".
Industria: "Restabelecido o servizo eléctrico"
Por outra banda, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, asegurou esta cuarta feira que na noite do martes se restabeleceu por completo o servizo eléctrico en todo o país, tamén para os 16 usuarios dos municipios de Folgoso do Courel e Quiroga, que estaban sen el.
Blanco referiuse aos máis de 65 mil quilómetros de rede eléctrica con que conta Galiza e ás "dificultades" que iso ocasiona para "traballar con temporais de vento e neve", e reiterou a intención de financiar a adquisición de grupos electróxenos. O responsábel da Consellaría de Industria gabou ademais "a eficiencia e a rapidez" con que actuou Unión Fenosa, fronte as críticas dalgún alcalde.
Papel das deputacións provinciais
Noutro senso, o rexedor de Pedrafita, Xosé Luís Raposo, advertiu das "dificultades" que atravesan algunhas das empresas que se encargan do mantemento das estradas de titularidade provincial ao carecer dos "medios suficientes" para despexar a neve da calzada.
Así aseverou que se a Deputación de Lugo vai investir 11 millóns de euros "as empresas teñen que ter maquinaria". Sobre esta cuestión defendeu que os municipios integrados neste plan de mantemento se encarguen de asumir o seu labor: "A neve xa a quitaremos nós e non que a teñamos que retirar para que cobren outros".
En en Ourense, o PSdeG denunciou a utilización "partidista" por parte da Deputación dos "medios e efectivos" de limpeza das estradas de titularidade provincial durante o temporal.