Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DURANTE DÚAS SEMANAS

Tres hospitais de Londres quedan en corentena por un virus... informático

As redes de computadores dos centros quedaron infectadas polo verme Mytob, o que obrigou a desconectalas durante dúas semanas.

Redacción - 18:00 03/12/2008
Fachada dunha das ás antigas do Royal London Hospital / Flickr: suburbanslice

Fachada dunha das ás antigas do Royal London Hospital / Flickr: suburbanslice

Tres hospitais de Londres viron alterado o seu funcionamento durante dúas semanas por culpa dun resistente virus, desta volta informático. Os computadores do St Bartholomew's, do Royal London Hospital e do London Chest Hospital desconectáronse o 18 de novembro despois de quedaren infectados polo verme Mytob o día anterior.

Durante tres días, o proceso de 'curación informática' centrouse en recuperar os principais sistemas de administración e o acceso por correo electrónico. No último informe, o pasado venres, o consorcio que rexe os tres centros hospitalarios asegurou que o 97 por cento dos 5 mil computadores estaban xa 'sans' e que os demais volverían a funcionar "axiña".

O consorcio estabeleceu un plan de recuperación de desastres que puxo os seus computadores en corentena. Isto non lle afectou ao funcionamento da actividade médica, aínda que o persoal tivo que volver aos tempos do papel e lapis. Tamén houbo algúns desvíos de ambulancias o primeiro día da infección e suspendéronse algunhas operacións non urxentes.

Aínda non se coñecen as causas da infección dixital. O consorcio deuse présa en descartar calquera tipo de ataque organizado e en negar que se puxesen en risco datos confidenciais. Este tipo de contaxios en hospitais non son frecuentes, aínda que un hospital de Seattle (EUA) sufriu unha situación semellante hai dous anos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: