En 1968, un mitin na Praza das Tres Culturas contra o goberno culminou coa matanza de ducias de estudantes baixo as balas do Exército e dos paramilitares.
Os paramilitares vestían unha luva branca para se identificaren
O Senado de México aprobou este martes introducir varias modificacións legais para que se declare día de loito nacional o 2 de outubro, e recordar os caídos da masacre estudantil de 1968 pola que até o de agora ninguén foi castigado.
Con 77 votos a favor e seis abstencións, o pleno da cámara alta avalou reformar a Lei de símbolos para que a partir do vindeiro 2 de outubro a bandeira mexicana sexa izada a media hasta en sinal de dó.
A iniciativa, enviada á Cámara de Deputados para ser ratificada, sinala que ese día se lembrará como o "aniversario dos caídos na loita pola democracia da Praza das Tres Culturas en Tlatelolco en 1968".
Dous meses despois do inicio dun movemento estudantil unido en contra da represión gobernamental, un mitin realizado a tarde do 2 de outubro de 1968 neste distrito da capital mexicana, que xuntou unhas 50 mil persoas, culminou en traxedia cando ducias de estudantes e outros civís morreron baixo as balas do Exército e dos paramilitares.
Non se coñece o número exacto de vítimas. As cifras oficiais e extraoficiais oscilan entre 25 e 350, respectivamente. O ex presidente Luis Echeverría, que entón era secretario da Gobernación, foi acusado de xenocidio, mais un tribunal exonerouno en 2007. Actualmente permanece baixo arresto domiciliario mentres outro xuíz revisa o fallo.
"Elemento de conciliación"
"Non se trata de lle outorgar ao movemento estudantil do 68 un lugar na historia, este xa lle pertence; como tampouco de resucitar ou avivar unha confrontación entre cidadáns e gobernos, senón de dar un recoñecemento oficial ao feito histórico como elemento de conciliación ante a consistencia dunha memoria fúnebre dos feitos", afirmou o senador Pablo Gómez, do Partido Revolución Democrática (PRD) e promotor da reforma.