Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carreira cara ás eleccións

PPdeG: completar renovación, manter Ourense e recuperar en Pontevedra

As enquisas internas outórganlle entre 36 e 37 escanos e reflicten a "tendencia á alza" do labor na oposición.

Europa Press - 09:00 01/12/2008

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) traballará nos próximos meses co propósito de sumar o escano que en 2005 lle faltou para conseguir a maioría absoluta. Un obxectivo que ven posíbel na provincia de Pontevedra, aínda que, a maiores, admiten a necesidade de utilizar a súa maquinaria electoral para manter os resultados das pasadas eleccións en Lugo e Ourense, onde os populares acumularon caídas de voto sucesivas nos últimos procesos electorais.

"Lugo e Ourense serán zonas de especial interese na precampaña", recoñeceron fontes populares a Europa Press. Se conseguen manterse nas provincias do interior, os populares confían en obter o ansiado deputado 38 -o que dá a maioría absoluta- en Pontevedra, onde se ven con "moitas posibilidades", e tampouco descartan "algún baile de escanos" na Coruña.

Malia que recoñecen a dificultade de recuperar a Xunta tan só unha lexislatura despois de perder o poder -unha posibilidade que no conxunto do Estado só logrou Jaume Matas en Baleares, sendo ademais ministro no Goberno Aznar-, confesan o seu "optimismo renovado". "Podemos facelo", proclamaron as mesmas fontes, e apelaron ás súas últimas sondaxes que, segundo din, reflicten a "tendencia á baixa" do PSOE en favor do Partido Popular. Respecto ao Bloque, as estatísticas coas que traballa a oposición falan de "lixeira caída de votos", pero que non se traduciría en perda de escanos.

En concreto, a última grande sondaxe elaborada polo PP, do pasado mes de xullo, outorga a esta formación un abano de entre 36 e 37 escanos e reflicte a "tendencia á alza" da oposición que, polo tanto, calcula que a día de hoxe está "ao bordo" da absoluta. Por iso, os populares apuntan ás enquisas como unha das razóns da súa "ilusión desbordada" fronte ao "nerviosismo" do PSOE, ao que ven descentrado debido a estas previsións.

"É evidente que o que vai para arriba está máis motivado", razoan. Para conseguir o deputado 38 o domingo de marzo que o presidente da Xunta decida convocar eleccións os populares decidiron confiar a súa estratexia publicitaria á mesma axencia coa que o PP contou en 2001, cando obtivo 41 deputados e, ademais, xa comezaron a reservar os paneis publicitarios nos municipios. Non obstante, polo momento a principal actuación de carteleiría da oposición centrouse no ámbito das sete grandes cidades, por onde repartiron un total de 38 paneis coas máximas de 'Grazas por nada. Adeus, bipartito', 'Bipartito: crise, paro e dilapidación' e 'Chegou o momento'. De cara ao futuro, anuncian unha campaña publicitaria "sen desbaldimento e con contención do gasto".

A figura de Feijoo
Á marxe disto, a principal estratexia da oposición pasa por potenciar a figura do presidente do partido, Alberto Núñez Feijoo, a quen erixen nunha das "bazas máis fortes" para gañar as eleccións. Fronte ao "desgaste" de Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e de Anxo Quintana (BNG), o PP aproveitará a "boa imaxe" do seu líder, de quen destaca, entre outros aspectos, que, con 47 anos, é o máis novo dos tres candidatos. Do presidente do partido, o único dos tres líderes que concorre por primeira vez ás autonómicas, o PP galego resaltará tamén a súa "proximidade" en contra da personalidade de Touriño, a quen consideran "máis distante" tanto coa sociedade coma coas súas propias bases.

Deste modo, Feijoo terá especial protagonismo de aquí ás eleccións, como evidencian os lemas utilizados nos últimos actos políticos do PP, como Feij009 ou Fan de ANF --que xoga coas siglas de Alberto Núñez Feijoo--, aínda que os populares matizan que esta estratexia non busca ocultar a marca do partido senón "combinar" as dúas cousas. Baseándose nisto, preséntanse como un partido "forte, sólido e cohesionado" a pesar da dificultade que supuxo o proceso de sucesión a Manuel Fraga, e atribúen esta "unidade" ao "bo traballo" de Feijoo á fronte do partido.

Así, outra das características que enxalzará o PP do seu candidato á Xunta é a capacidade de xestión, que exemplifican coa súa estanza á fronte de organismos estatais como Correos ou o Insalud, de onde cren que saíu "triunfante", aspecto que intentará transmitir á sociedade para erixir a Feijoo na "garantía" de que Galiza pode saír da crise. O actual contexto económico centrará boa parte do discurso de precampaña da oposición, que avoga por transmitir "optimismo" e a "convicción" de que se poden superar as dificultades fronte á "falta de modelo" do bipartito para palialas. Por iso, o PPdeG aposta por lanzar á cidadanía a necesidade do cambio político en Galiza, o leitmotiv do lema co que os populares arrancaron oficialmente a precampaña: 'Chegou o momento'. Con esta filosofía, o líder da oposición articulará os seus discursos con "mensaxes de esperanza e ilusión" e propostas de alternativa aos socios da actual Xunta. Paralelamente, os dirixentes provinciais moveranse no ámbito local.

Sen inxerencias de Génova
A dirección estatal do partido tamén participará nas eleccións galegas aínda que fontes populares puntualizan que a campaña "deséñase, pénsase e articúlase en Galiza". "Non hai inxerencias", sentencian, malia que admiten "contactos" asiduos con Génova e adiantan que Mariano Rajoy se implicará nos comicios "como galego e como presidente do PP".

Respecto á presenza do ex presidente da Xunta Manuel Fraga, os populares galegos condiciónana á súa axenda como senador e á súa elevada idade. "Pero poderá participar todo o que queira", aseguran, aínda que engaden que a súa proposta para gobernar Galiza é "diferente" ao modelo Fraga xa que incorporou "ideas frescas e renovadas" para dar resposta a "novas necesidades".

A renovación tamén volverá marcar a configuración das listas, un debate sobre o que o PP admite conversacións a nivel interno e no que se dá por feita a saída de "número importante" de actuais deputados, entre os que algunhas fontes de Grupo Parlamentario Popular sitúan a todos ex conselleiros. En canto ás novas caras, fontes populares aseguraron a Europa Press que non descartan incorporar persoas alleas ao partido, aínda que garanten que este "melón" non se abrirá até que non se coñeza oficialmente a data electoral.

No que si traballan os populares de forma activa é na elaboración do programa electoral, co que pretenden persuadir aqueles electores que votaron cambio en 2005 e que, non obstante, están "descontentos" co bipartito. A pesar de que darán alternativas a todos os segmentos da sociedade, o PP admite que tivo "problemas" para chegar aos mozos, polo que non escatimará esforzos na campaña a través das novas tecnoloxías. Tampouco descarta a posibilidade de "dificultades" no rural, que achacan á "política clientelar" que o BNG está a levar a cabo nestas zonas a través das súas consellarías. Posto que a súa vocación é a de "gobernar para todos", o PP tratará ademais de "canalizar" cara á figura de Feijoo o "descontento" pola crise entre o resto do electorado. Finalmente, os emigrantes tamén terán un papel destacado na configuración da estratexia electoral da oposición, xa que cren posíbel que os residentes no exterior decidan o resultado das eleccións.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: