Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Beirasar Rosalía 75 – 80 Grupo Begar León

O Rosalía xa é penúltimo, despois da súa décima derrota

O conxunto santiagués dominou boa parte do choque pero caeu nun final axustado.

Óscar de la Fuente - 11:14 29/11/2008

Con nove derrotas en dez partidos, o Beirasar Rosalía afrontaba o choque ante o Grupo Begar León como unha reválida, outro partido clave que non se podía perder. E a pesar diso, unha vez máis os homes de Félix Muñoz saíron á pista dous pasos por detrás do rival, que se puxo en vantaxe nada máis comezar o choque. Un bo parcial dos leoneses nos primeiros minutos, comandados polo base Juanjo Bernabé e dominadores absolutos do rebote, obrigou ao adestrador do cadro santiagués a variar o seu plan inicial, e con inmellorábel resultado.

A entrada de Dedas e Fontet endureceu a defensa e fixo máis fluído o ataque, onde destacou especialmente o primeiro. O aleiro grego fixo unha primeira parte impecable, con dezanove puntos e un só erro no tiro, co que os santiagueses deron a volta ao electrónico ata poñerse con 11 puntos de vantaxe. Cando mellor estaban os locais e cun León que parecía non ter capacidade de reacción chegouse ao descanso, cun marcador de 46-35.

O terceiro cuarto continuou coa tónica anterior, cun Rosalía facendo probablemente os mellores minutos da tempada e un León tan perdido en ataque como en defensa. Así, nos primeiros compases tras da reanudación os locais chegaron á súa maior vantaxe, cun marcador de 53-39 (catorce puntos de diferenza). E nese momento o Grupo Begar León demostrou por que é un dos candidatos a volver á Liga ACB, de onde descendeu o ano pasado. Os visitantes deixaron de permitir tiros fáciles ao Rosalía e se apoiaron no xogo exterior para remontar o partido, onde sobresaíron a dirección de Bernabé e as triplas de Clarence Gilbert. Os leoneses foron reducindo a vantaxe santiaguesa e mesmo se puxeron por diante cunha tripla de Gilbert que deixou o marcador nun 58-61.

A partir de aí, o Rosalía non soubo reaccionar e fronte a unha defensa organizada intentou penetracións imposibles que non deron resultado. Os xogadores composteláns, sabedores de que a maioría das súas derrotas chegaron nos últimos minutos, non asimilaron o golpe e volveron caer nun final igualado, cun León que soubo administrar a súa mínima renda.

O Beirasar continúa así no penúltimo posto da Liga LEB-Ouro, empatado co último cunha vitoria en once partidos.
Polo Rosalía os mellores foron Dedas, con 24 puntos, e Fontet, con dez tantos e oito rebotes. Os máis destacados dos visitantes foron Bernabé, con dezasete puntos e seis asistencias, Gilbert con dezaseis e Báez con outros dezaseis tantos e oito rebotes.

O próximo venres o Beirasar Rosalía visitará ao Ford Burgos, que ocupa o quinto posto da táboa.

Beirasar Rosalía (75): Vallmajó (2 puntos), Carroll (5), Cebular (10), Montañana (0), Nana (7) -quinteto inicial- Embo (10), Ramsdell (6), Dedas (24), López (0), Fontet (11).

Grupo Begar León (80)
: Bernabé (17 puntos), Gilbert (16), Rocchia (5), Bradshaw (10), Leiva (7) -quinteto inicial- González (7), Stacey (2), Báez (16), Vega (0).


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: