O que defenden os analistas que vinculan
os ataques de Mumbai cos postulados de Al Qaeda e rexeitan a autoría do grupo Deccan Mujahideen, isto é, que se provocaron para facer rexurdir o enfrontamento entre India e Paquistán, vai camiño de se cumprir.
Este venres, o responsábel de Exteriores indio, Pranab Mukherjee, acusou a Islamabad de ter relación cos atentados. "A evidencia preliminar indica que elementos vinculados a Paquistán están involucrados", afirmou, afondando no que xa insinuara un día antes o primeiro ministro Manmohan Singh.
Os ataques de Mumbai chegan nun momento en que o presidente paquistaní, Asif Ali Zardari, viúvo da ex primeira ministra Benazir Bhutto asasinada o ano pasado, dera pasos para mellorar a relación entre os dous países. Ademais, un hipotético enfrontamento entre estas dúas potencias nucleares complicaría aínda máis o conflito en Afganistán, onde Paquistán xoga un papel moi relevante.
Acción sen precedentes Para contrarrestar a inercia no devir dos acontecementos, Islamabad que asegura que é inocente, accedeu nunha acción sen precedentes a que o xefe do servizo de intelixencia militar de Paquistán viaxe á India para compartir información clasificada, logo de solicitalo Mukherjee na súa intervención.
Este venres Zardari telefonou a Singh para condenar os ataques unha vez máis. "Actores non estatais quixeron pasar por riba dos gobernos coas súas propias axendas, mais non se debe permitir que logren o seu obxectivo", declararon voceiros da Presidencia. Tamén o primeiro ministro paquistaní, Yousaf Raza Gilani, púxose en contacto telefónico con Singh.
Paquistán e India enfrontáronse en tres guerras dende a súa independencia en 1947. En 2002, nas semanas que seguiron a un ataque ao parlamento indio que tamén se vinculou con Paquistán, estivo a piques de haber un novo conflito bélico.
Paquistán deu o seu apoio durante anos a militares que se enfrontaban a forzas indias na disputada rexión de Caxemira, mais quitoullo logo dos ataques do 11 de setembro en Estados Unidos. O máis grande e mellor preparado destes grupos e cara ao que apuntan os focos nestes intres é
Lashkar-e-Taiba -que colabora cos talibáns en Afganistán-, aínda que nun primeiro desvinculouse dos sucesos.
Continúan os combates Por outra banda, o Exército indio segue a combater cos milicianos atrincheirados varios puntos, entre estes o hotel Taj Mahal, que esta quinta feira parecía estar liberado. Os comandos lograron entrar no Oberoy/Trident e no centro xudeu Nariman House, onde cando menos cinco reféns morreron. A cifra de mortos elevouse a 130.