Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE EN OURENSE

Marcos Valcárcel, o vendimador da cultura galega

Presentouse o seu 'Historia de Ourense' no Liceo; xusto antes do recoñecemento que lle renderon os seus amigos.

Redacción - 13:35 29/11/2008

As instalacións do Liceo de Ourense (Lamas Carvajal 5) acolleron a partir das sete da tarde deste sábado a presentación de Historia de Ourense, o máis recente libro de Marcos Valcárcel. O acto contou coa intervención de Francisco Rodríguez Fernández (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín, Manuel Bragado e o propio autor. A continuación, ás nove da noite no restaurante San Miguel celebrouse unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao "infatigábel labor de Marcos a prol da cultura de noso".

A comisión organizadora da homenaxe, formada por César Ánsias, Xoán Fonseca, Benito Losada, José Carlos Martínez-Pedrayo, Eustaquio Puga, Xosé Ramón Quintana, Xosé Trebolle e Afonso Vázquez-Monxardín quere con este acto "buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde". Os seus amigos destacan os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxendía en Galicia Hoxe, La Región, e A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina; "e todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes", salientan.

Nas últimas semanas veñen aparecendo en distintos medios de comunicación numerosos artigos de opinión que gaban a figura do historiador. Por exemplo Xosé M González escribiu en Xornal.com "El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?".

Xosé M. Sarille, en El Correo Gallego, dixo: "Un grande corazón que impulsa e transporta, desde o pasado para o porvir deste país, e desde a sombra para o entendemento e o amor. Non lle coñezo a outra obra, a do erudito e coleccionista paciente. Tenme falado dela nos cálidos días en que nos retratabamos xuntos e sei que en Ourense hai casas enteiras de arquivos de papel que pola lúcida escolla constitúen talvez a notaría máis importante da Historia de Galicia do último medio século. E todo porque Marcos Valcárcel é tan grande como imprescindíbel".

Xaime da Pena, en Xornal.com, afirmou "Marcos tamén ten todo aquelo que sempre quixemos do noso pai e para o noso fillo, a tolerancia suficiente para que te comprenda nun extremo e un sorriso cómplice despois dunha zoupada, !vas caer¡, pero con eso non se nace, eso faise o longo de cincuenta anos, día a día, lectura a lectura e artigo a artigo, e de aí ese bendito respecto profesoral que lle temos os seus okupas, e como dicía o outro senón existira habería que fabricalo. Nós témolo, disfrutémolo".

E en La Región Rosa Enríquez deixou dito: "Por iso precisamente, ao entrar no blog de Marcos Valcárcel, como dicía Borges, unha aprende e aprende e volve a aprender. Eu, por aprender, aprendín, por exemplo, que hai persoas que traballan arreo, coma Marcos, na configuración da memoria real, sementando o respecto á cultura e ás artes feitas no noso país, fornecendo o espírito de quen teña desexos de coñecer as súas raíces que o único espazo onde se pode dicir que existe radicalidade".

Helena Villar Janeiro, en Galicia Hoxe, escribiu: "Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos".


4,94/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: