Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate económico en Madrid

Jorquera pide "un plan ambicioso" no canto de medidas "a contagotas"

O voceiro do BNG no Congreso solicita propón que se redimensione o ICO, suxire reducir o IVE e insiste en que se favoreza a volta de Navantia á construción naval.

Redacción - 09:00 28/11/2008

Redimensionar o actual Instituto de Crédito Oficial (ICO) e "colaborar cos institutos de crédito autonómicos" tal e como o BNG xa propuxera para Galiza é unha das propostas que deixou no Congreso este xoves o deputado galego Francisco Jorquera. Na súa intervención, volveu insistir ademais en que o goberno español debera defender na UE que o estaleiro de Navantia Fene volva á construción naval civil, unha medida que no contexto actual "podería absorber parte do desemprego que se xera noutros sectores".

Por outra parte, Jorquera convidou o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, a facer presión para que se esixa que o Banco Central Europeo e a política monetaria "non escapen do control democrático", criticando a ausencia de ideas do executivo estatal a ese respecto. "Xa son poucos os que se atreven a discutir que a súa obediencia cega aos dogmas monetaristas restou rapidez de resposta fronte á crise", reprochou. Por outro lado, propuxo que o goberno español bote man da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), para a toma de participacións en "empresas estratéxicas" para o conxunto do Estado, "como Repsol".

Ademais, Jorquera tamén suxeriu que o executivo estatal podería seguir o exemplo do primeiro ministro británico, Gordon Browm, e rebaixar o IVE coa fin de reactivar o consumo. Un descenso de ingresos que, na opinión do voceiro do Bloque no Congreso, o goberno español podería compensar "incrementando a progresividade na imposición directa". Un conxunto de medidas que, segundo Jorquera, deberían incluírse á beira dun plan de investimentos "ambicioso" para enfrontar a crise económica no canto de ofrecer "unha sucesión de medidas a contagotas".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: