Despois de que fose nacionalizado, tras coñecerse os 700 millóns de euros en perdas que acumulaba, agora investígase a súa relación coa campaña do presidente da República.
Capa do xornal 24 Horas, no que se desvela que Cavaco Silva recibiu fondos do BPN para as presidenciais
A nacionalización do Banco Português de Negócios (BPN) foi a noticia máis destacada dos xornais lusos a comezos deste mes. Naquela altura o feito era cualificado como o "segundo furacán" que azoutaba a economía portuguesa, após un primeiro que foi a investigación de fugas ao fisco nalgunhas das maiores empresas e bancos do país.
O BPN era acusado, daquela, de agocharlle ás autoridades unha serie de operacións virtuais a través do Banco Insular, unha institución que tiña en Cabo Verde, que sería a responsábel das perdas de 360 millóns de euros, máis da metade dos 700 millóns en fugas de capital que acumulaba o BPN cando foi nacionalizado.
Estraños negocios co goberno rexional
Porén, isto non foi todo, xa que esta cuarta feira os xornais portugueses abrían coas supostas ligazóns desta entidade bancaria con deputados do PSD (Partido Social Demócrata) no Goberno Rexional de Madeira, en certos negocios que envolven empresas públicas madeirenses. Ademais, tamén se coñeceu esta semana que o BPN tiña ocultado 129,5 millóns de euros resultantes da venda da empresa brasileira ERGI, em 2006, a través dunha sociedade controlada polo grupo Sociedade Lusa de Negócios (SLN).
A última operación de legalidade dubidosa chega mesmo á Assembleia da República, xa que, segundo conta o xornal 24 Horas, o mesmo presidente da República Portuguesa, Aníbal Cavaco Silva, recibiu 15 mil euros do presidente do BPN, José Oliveira e Costa, quen se atopa en prisión preventiva -por "burla, branqueamento de capitais e fraude fiscal-, para a súa campaña presidencial.