Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANUEL RIVAS, ESCRITOR

"Nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico"

A súa última obra xornalística, 'A corpo aberto' (Xerais), sae á venda esta semana.

Marcos S. Pérez - 18:40 26/11/2008

Acaba de regresar de Madrid, onde o martes presentou a edición en castelán de A corpo aberto. Unha ollada indie do local ao universal, publicada por Alfaguara. A edición orixinal galega, de Xerais, ponse á venda este mércores, e será presentada oficialmente o vindeiro 6 de decembro no marco de Cultur.gal, na Coruña. Na presentación madrileña, Rivas contou coa presenza de Juan López de Uralde (presidente de Greenpeace), José Luis Cuerda e do xuíz Garzón, entre outros persoeiros e amigos.

O libro está formado por catro relatos xornalísticos; os dous primeiros centrados na deriva ideolóxica da dereita española denunciando o "complexo de Creonte no que aínda se manteñen as elites máis influentes" do ámbito conservador. O terceiro cóntanse, entre outras, dúas loitas que contribuíron a modificar a nosa conciencia medioambiental: a expedición do Xurelo á Fosa Atlántica e o 'thriller' do caso Prestige. O cuarto é "unha sorte de historias naturais escritas cunha respiración alternativa, entre dor e humor".

Rivas deixa entrever unha certa decepción pola escasa relevancia acadada nos medios de comunicación galegos e noutros ámbitos por Os libros arden mal, que en cambio está recollendo un éxito histórico en Francia. Reclama, pois, como paso imprescindíbel para a internacionalización da literatura galega, o recoñecemento interno, a visibilidade da obras galegas nas bibliotecas, nos espazos públicos e nos medios. Reflexiona tamén sobre as relacións entre xornalismo e literatura, reclamando un xornalismo crítico, que teime na loita contra o esquecemento.

Por que é unha ollada 'indie'?
Ben, é unha chiscadela. É un termo que se emprega máis na música ou no cinema, e non tanto na literatura, pero creo que define un espírito crítico e independente que lle viría ben ao xornalismo. A palabra remite tamén a unha relación irónica co que un fai. Eu tamén a ligo a un xornalismo indio, en referencia a unha tipoloxía xa vella dos escritores, de Philip Ravh, que opoñía aos 'rostros pálidos' os chamados 'pel roxa', aqueles que vivían na fronteira, que ían máis alá e que avanzaban cara ao descoñecido.

Nun dos capítulos do libro empezas falando do Xurelo para acabar no Prestige. Con máis trinta anos no xornalismo non te sentes ás veces como Sísifo, tendo que percorrer unha e outra vez o mesmo camiño, que nalgún momento se desandou?
Non me gusta poñerme a pesar e a comparar coa romana o que gañamos ou o que perdemos. Eu apostaría en cambio por unha melancolía activa. A memoria ten que ser unha pescuda, non só unha valoración económica de ganancias e perdas. Walter Benjamin dicía que paga a pena facer historia para buscar faíscas de esperanza; eu, como Benjamin, quedo con esas faíscas de esperanza. O libro está formado por retallos, anacos, follas espalladas; interésame velo así e procurar a maneira en que se poden tecer, tomar sentido, ser un relato único. Quero ver ese relato como unha sucesión, e descubrir o que deu de si. Por exemplo, xa que falas do Xurelo e do Prestige; creo que non somos de todo conscientes da importancia do movemento social que se xerou, non foi un episodio de realismo máxico, foi unha consecuencia de moitas cousas, e estivo ligado a moitas outras loitas, coma a das Encrobas ou a do Xurelo. Con estes relatos quero loitar contra a imposición de certas imaxes que non son reais.

En que medida inflúen un noutro xornalismo e literatura?
Creo que están cada vez máis perto, máis interrelacionados, con máis espazos de fusión. Cando parecía que se esgotaba a novela, estamos asistindo á súa reexistencia e hoxe é seguramente o xénero máis experimental. O campo da novela ensanchouse como un arco da vella, é un espazo de liberdade que colle nutrintes de moitos outros xéneros. Do xornalismo, por exemplo, colle a pelexa coa realidade e coas aparencias, e a súa teima na loita contra o esquecemento, na loita por derrogar a amnesia. Agora mesmo é o que máis me interesa: crear un tempo diferente, escribir sobre un presente recordado. Tamén vexo o futuro da prensa escrita cunha presenza máis importante do literario, expresando os feitos con máis calidade, con máis riqueza de matices, ao contrario da estandarización dos contidos que se quixo impoñer. Literatura e xornalismo teñen que camiñar sempre cara á fronte, abertos á sorpresa, pero cun pé na ilusión e outro na desilusión, un na esperanza e outro no inalcanzable, un no casual e outro no causal.

Que é máis san para unha sociedade: a memoria ou o esquecemento?
A amnesia, sobre todo esta amnesia voluntaria que se propón, é sempre unha doenza. Ademais non é un dilema que se poida escoller. O esquecemento é unha inmoralidade, supón asumir unha anomalía moral. O esquecemento é un engano, é a peor mentira. Podemos comparalo coas barbaridades nazis e en como o pobo alemán ao remate da guerra se escudaba en que 'nós non sabiamos nada'. A posición da Igrexa é dunha tremenda hipocrisía, porque mentres eles levan a cabo procesos de canonización e de ascenso aos altares dos que consideran os seus mortos, para os demais mortos piden o esquecemento. Ademais, non se pode falar de equidistancia, porque non só estamos falando da guerra, falamos tamén de todo o que pasou despois, da maneira en que durante décadas continuaron a guerra por outros medios, na ditadura máis cruel de toda Europa. E a Igrexa foi o seu principal aval, e aínda non pediron perdón por iso. Amnistía Internacional esixiu reparación, verdade e xustiza para as vítimas do franquismo. E parece que a resposta que se lle dá é hipocrisía, engano e inmoralidade.

'Os libros arden mal' está triunfando en Francia. Cal é a vía para a internacionalización da literatura galega?
Hai que crear o hábitat para facilitar o coñecemento do que se fai, porque dende o descoñecemento si que é imposíbel facer nada; do descoñecemento xorden cousas como as declaracións de Steiner e outras situacións. O que non podemos esperar é que só pola acción institucional a literatura galega vaia ter un éxito inmediato. Esa é a base, e despois cada obra ten unha navegación propia, unha vida de seu.

É máis importante ser moi visíbel nos grandes eventos, ou o traballo diario a través das universidades, as oficinas do libro, os axentes literarios...?
Todo é compatíbel, pero creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior. Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior.


4,65/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: