As emisións galegas de gases causantes da mudanza climática volveron aumentar en 2007, despois do descenso rexistrado entre 2004 e 2006. Segundo o informe "Las emisiones de gases de invernadero por comunidades autónomas en 2007", elaborado pola Secretaría de Medio Ambiente de CCOO, no ano pasado emitíronse desde Galicia 35,8 millóns de toneladas de GEI.
Isto supón un 25,1% máis que en 1990, é dicir, 10 puntos máis que o límite do 15% de aumento entre 1990 e 2008-2012 que o conxunto do Estado español non debería superar para cumprir o Protocolo de Quioto. As emisións de GEI en Galicia están a aumentar menos que en España pero máis que no conxunto da UE e dos países desenvolvidos.
O Estado español, que aumentou as súas emisións nun 53,4% entre 1990 e 2007, é o máis afastado dos obxectivos de Quioto. As emisións de Galicia retomaron en 2007 a súa tendencia ascendente perante a pasividade de Xunta e Concellos, que seguen sen considerar as alteracións climáticas un asunto importante. A decepcionante proposta de Plano de Acción fronte á Mudanza Climática presentada pola Xunta en xuño pasado fíxase como obxectivo que as emisións continúen medrando nos próximos anos, até seren un 37% superiores en 2012 a respecto de 1990. Para o Goberno galego contribuír á loita contra o maior problema ambiental global desde un país desenvolvido consiste en aumentar aínda máis as emisións que o provocan!.
De acordo co devandito informe, as emisións por habitante de Galicia en 2007 foron de 12,9 toneladas, moi superiores ás emisións medias españolas, de 9,7. As emisións galegas son superiores ás españolas mesmo descontando as emisións que a Xunta estima debidas á produción en Galicia de enerxía consumida fóra do noso territorio, e que supoñen un 14,7% das totais, o que deixaría as nosas emisións por habitante en 11 toneladas. Malia representar o 5,1% do PIB e o 6,1% da poboación estatais, o noso país achega o 8,1% das emisións españolas.
As elevadas emisións por habitante de Galicia débense sobre todo á actividade das centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA). Estas dúas ineficientes e contaminantes centrais eléctricas, auténticas fábricas de mudanza climática, emitiron un total de 14 millóns de toneladas de GEI en 2007, é dicir, o 39 % das emisións totais galegas. A central das Pontes, con 8,9 millóns de toneladas, volveu ser o maior foco emisor de GEI en España, mentres que a de Meirama, con 5,1, ocupou o sexto lugar no ranking das instalacións industriais españolas que máis contribuén ao quecemento global.
Verdegaia demanda das institutucións galegas un compromiso sólido na loita contra a mudanza climática, o que pasa sobre todo por introducir mudanzas importantes nas políticas enerxética e de transporte que reduzan as emisións de dióxido de carbono e outros GEI. Deixar de producir electricidade con carbón, promover moito máis o aforro e a eficiencia na produción e o consumo de enerxía e limitar o protagonismo desmedido do coche e do camión no transporte son medidas esenciais. Sen mudanzas nas políticas, só a crise económica e prezos elevados da enerxía farán que se reduzan algo as emisións.