O xeneral Anupong Paochinda pediu novas eleccións para lle pór fin á crise política que arrastra o país dende hai seis meses.
A oposición bloquea o aeroporto
O primeiro ministro de Tailandia, Somchai Wongsawat, non dimitirá do cargo, non disolverá o parlamento e non convocará eleccións anticipadas. Rexeita deste xeito a exixencia do xefe do Exército, o xeneral Anupong Paochinda.
"O primeiro ministro dixo moitas veces que non dimitirá nin disolverá o parlamento porque foi elixido democraticamente", declarou o portavoz do goberno, Nattawut Saikuar, a unha canle de televisión, segundo informan as axencias internacionais.
Paochinda pediu a convocatoria de novas eleccións para lle pór fin á crise política que arrastra o país dende hai seis meses. No entanto, insistiu en que non ten intención de dar un golpe de Estado porque "non vai resolver nada", e que se así fose, "daríao".
Non é a primeira vez que Anupong pide a dimisión do primeiro ministro. En setembro de 2006, o Exército derrocou mediante un golpe de Estado o entón primeiro ministro, Thaksin Shinawatra.
O xefe do Exército ordenoulles aos manifestantes da opositora Alianza Popular para a Democracia que se retiren do aeroporto internacional da capital, Bangkok, e poñan fin ás protestas. O bloqueo obrigou a suspender todos os voos comerciais.
Ademais, o líder da Alianza, Sondhi Limthongul, rexeitou o diálogo ofrecido polo goberno. "O primeiro que debe facer é marchar, antes de sentármonos falar con vostede", declarou.