Despois de chegar aos oitavos de final no torneo de Hong Kong, o mozo compostelán ocupa a súa mellor posición histórica.
Borja, preparándose para bater unha bola
Borja Golán continúa na boa liña que o levou a acadar a vitoria no aberto de Compostela hai pouco máis de dúas semanas. O compostelán acadou a pasada fin de semana os oitavos de final do aberto de Hong Kong, resultado que lle axuda a subir até o 16º lugar da listaxe mundial, elaborada pola federación mundial de squash. Golán foi eliminado polo francés Thierry Lincou, número sete da clasificación mundial.
Para chegar aos oitavos de final Golán eliminou ao holandés Laurens Jan Anjema, número catorce do mundo. Borja Golán está a vivir un doce momento de forma, despois de vencer o torneo da súa casa e subir até a súa mellor posición histórica na listaxe internacional.
O seguinte compromiso do compostelán será o aberto internacional de Tenerife, que comezará o vindeiro 4 de decembro.