A empresa carballesa esgrime motivos económicos, aínda que este ano vai obter un beneficio neto por riba dos dous millóns de euros.
A compañía carballesa de conservas Grupo Calvo decidiu non renovar o contrato de arrendamento da planta que ten no porto da cidade de El Aaiun (Sáhara Occidental) a partir de 2009, segundo anunciou o director xeral desta compañía, Javier Lacoz.
As factorías da empresa en Galiza absorberán a produción de conservas de sardiña, rincha e atún, especies capturadas en augas saharauís. Deica final de ano se elaborarán na fábrica de El Aaiun, onde Calvo leva funcionando dende xaneiro de 2005.
O pasado mes de maio, a organización internacional Western Sahara Resource Watch (WSRW) comezou unha campaña co obxectivo de que o grupo cesase todas as súas actividades nos territorios ocupados por Marrocos.
En xuño contactou coa empresa a través do seu director de Recursos Humanos, Emilio Marcos, que confirmou que Calvo pecharía estas instalacións, mais esgrimiu motivos económicos. No entanto, esta semana, Lacoz informou durante a presentación dun novo produto que o grupo obterá neste exercicio un beneficio neto por riba dos dous millóns de euros.
Dende o WSRW consideran que o dano económico que lle pode provocar a Calvo o continuar en territorios ocupados é moito maior cós beneficios económicos que obtería mantendo as súas actividades na zona.
A organización en defensa dos dereitos do pobo saharauí tiña previsto ampliar a súa campaña de información ás grandes superficies e aos medios de comunicación, así como realizar mobilizacións. "Continuaremos exixíndolle a Calvo que cese todas as súas actividades relacionadas cos recursos naturais saharauís", aseguran.