A illa, que vota este martes, é territorio semiautónomo de Dinamarca, un dos estados membros. Baixo o xeo do Ártico, que o quecemento global está a derreter, os intereses son moitos.
O xeo cobre a maior parte da illa
Grenlandia vota o martes en referendo o aumento da autonomía desta illa do Ártico, actualmente baixo soberanía danesa. A vitoria do Si dábase hai uns meses por segura.
"É o primeiro paso cara á independencia", declaraba en maio o primeiro ministro grenlandés, Hans Enoksen, logo do acordo asinado co seu homólogo de Dinamarca. Este último, Anders Fogh Rasmussen, reiteraba pola súa banda o apoio do Executivo que preside a un incremento no autogoberno da illa, que leva consigo a xestión dos recursos naturais.
Uns recursos (petróleo, gas, minerais, peixe) que o desxeo polar, provocado polo quecemento global, está a converter en facilmente explotábeis, ademais de crear nova rutas marítimas entre continentes. Non é de estrañar, xa que logo, as disputas latentes entre os países con influencia no Ártico, onde as fronteiras son difusas.
O ano pasado Rusia enviou dous pequenos submarinos para colocar a súa bandeira baixo o Polo Norte, e Canadá anunciou a instalación dun centro de adestramento militar e mais dun porto. EUA, Canadá e Noruega son outras das nacións presentes, así como tamén, con tres estados membros na zona (Dinamarca, Finlandia e Suecia), a UE.
Máis comensais, menos a repartir
Precisamente esta quinta feira, a Comisión Europea anunciaba a intención de pelexar polo seu anaco de pastel, particularmente na extracción de cru e na explotación do gas. Un comensal máis, seguro que non do agrado da Rusia que subministra combustíbel a media Europa.
Mentres, en Grenlandia -que ten un convenio de colaboración especial coa UE- agardan que dentro de cinco días acabe a dependencia económica de Copenhague, a onde agora van parar todos os ingresos saíntes da explotación dos seus recursos. E, ademais, eliminar totalmente o subsidio que o Estado danés achega a Grenlandia. Sempre e cando gañe o Si.