Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Depuradoras contaminantes

Denuncian continuos vertidos de augas residuais procedentes da EDAR de Botos (Lalín)

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Sociedade de Caza e Pesca de Silleda e Sociedade de Pesca de Lalín queren denunciar o lamentable estado das augas do río Asneiro debido ao mal funcionamento da depuradora do Polígono de Botos no Concello de Lalín que verte augas residuais sen depurar.

ADEGA), Sociedade de Caza e Pesca de Silleda e Sociedade de Pesca de Lalín - 15:25 20/11/2008
Tags:

A depuradora do Polígono Industrial de Botos está xestionada pola empresa Espina y Delfín e dispón dun tubo do que sae auga de cor marrón directamente ao río Asneiro. Nesta zona pode observarse abundante escuma ao axitarse esta auga contaminada, ademais deste tubo existe unha arqueta á beira do río da que proceden os cheiros fedorentos que invaden a zona.

Esta situación evidencia o mal funcionamento desta EDAR do Polígono de Botos que produce abundante escuma ademais dunha cor marrón da auga do río que se observa dende este punto até candomenos a desembocadura do río Asneiro no río Deza varios kilómetros río abaixo.

Estes feitos son ben coñecidos polos pescadores da zona que evitan este treito do río Asneiro ante a falta de peixes como as troitas que necesitan augas limpas para poder sobrevivir e alimentarse.

Cómpre solucionar esta situación para evitar os graves danos á fauna piscícola e máis ao medio ambiente da comarca do Deza e hai que recordar que o Deza ademais é un río salmoneiro, outra especie gravemente afectada pola contaminación.

O salmón está sufrindo unha forte regresión en Galiza dende hai 30-40 anos que corre paralela ao incremento da contaminación dos ríos salmoneiros e que sitúan a esta especie ao borde da extinción en Galiza dende a forte regresión dos anos 80 do século XX.

Os colectivos denunciantes desta situación lamentable realizarán tamén as correspondentes denuncias ante o SEPRONA de Lalín para que se establezan as causas do deficiente funcionamento desta depuradora, se sancione aos responsables e en todo caso instará aos responsables destas instalacións a tomar medidas contundentes para que a depuradora faga o seu traballo e non contamine o río Asneiro.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: