A Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas concédelle o Sail of Papenburg ao Servizo de Estudos, "unha das experiencias máis innovadoras" neste eido.
A Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) decidiu concederlle o Sail of Papenburg de cooperación transfronteiriza deste ano ao Eixo Atlántico, para premiar o traballo desenvolvido polo Servizo de Estudos. Valoran este proxecto como "unha das experiencias mais innovadoras no eido da aplicación da sociedade do coñecemento á cooperación territorial".
O Servizo de Estudos creouse en 2007 para xestionar as achegas dos expertos das universidades da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, e a súa aplicación práctica no desenvolvemento do territorio, o que o converte nun caso único en Europa neste tipo de colaboración.
En opinión do xurado, o proxecto constitúe un exemplo de impulso á Sociedade do Coñecemento e de investigación aplicada ao desenvolvemento do territorio, ao servizo da cooperación transfronteiriza.
Estratexias de desenvolvemento conxuntas
Entre os seus estudos destacan traballos como a Axenda Estratéxica do Eixo Atlántico, a Axenda Estratéxica Chaves-Verín: A Eurocidade da Auga, o informe sobre A Rede Ferroviaria interior da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e o Desenvolvemento Sustentábel do Eixo Atlántico 2013. Na actualidade analizan estratexias de transportes e de turismo para as 34 cidades que integran o ente, así como unha proposta na área da Educación.
Dirixido polo profesor Luís Domínguez, titular da Cátedra Jean Monet de Estudos Europeos da Universidade de Vigo, o Servizo de Estudos conta coa colaboración de máis de 50 expertos de recoñecido prestixio e destacada traxectoria pública tanto en Portugal como na Galiza.