Un convenio asinado coa Consellaría de Cultura permitirá a dixitalización da meirande parte dos documentos da academia.
Boa parte dos arquivos da Real Academia Galega dixitalizaranse para poñerse a disposición do público xeral. O presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinaron un convenio que permitirá levar a cabo o labor, que estará financiado pola Fundación Cidade da Cultura, con 149 mil euros.
Por mor do acordo, realizaranse copias dixitais de moitos dos documentos que se conservan na biblioteca e no arquivo da institución. A dixitalización levarase a cabo entre este ano e o vindeiro e débese á importancia que supoñen os fondos da RAG para a cultura galega. O obxectivo é, polo tanto, garantir a súa conservación, facilitar o seu acceso e estudo e difundir o seu patrimonio.
Os arquivos dixitalizados pasarán a formar parte dos fondos da propia RAG, do Arquivo Nacional e da Biblioteca Nacional de Galiza, e poderanse consultar a través da internet. Aos documentos da Real Academia Galega iranse sumando os fondos das principais institucións culturais do país, segundo anunciou Ánxela Bugallo, quen confirmou que haberá acordos co outras institucións.
Dixitalización da cultura galega
O programa de dixitalización no que traballa a Consellaría de Cultura pretende incorporar a cultura galega á sociedade do coñecemento. Contempla dixitalizar os principais documentos culturais de calquera tipo: escritos, sonoros e audiovisuais. O Arquivo e a Biblioteca Nacional están a colaborar coas principais institucións para a modernización do sector cultural do país.
O obxectivo final é conservar o patrimonio documental, ao tempo que se democratiza o acceso ao mesmo. Tamén pretende recuperar os fondos documentais inéditos ou pouco coñecidos, que se poden atopar depositados fóra de Galiza ou dispersos en varias localizacións.
Fondos da RAG
A Real Academia xa está a traballar na dixitalización dos seus fondos. Por iso, o primeiro que formará parte do plan é o dos Irmáns de la Iglesia, figuras sobranceiras do Renacemento cultural galego do século XIX. En fases posteriores, o plan de dixitalización ampliarase até completar os fondos do arquivo e da biblioteca, incluíndo o propio fondo documental da Academia Galega.
Tamén se acometerá a dixitalización de fondos de personaxes senlleiros da cultura galega como Marcial del Adalid, Manuel Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Eduardo Pondal, Villar Ponte, Suárez Picallo ou Pascual Veiga, entre moitos outros. Dixitalizaranse ademais unhas 8.000 páxinas de publicacións periódicas, correspondentes a 33 títulos ou cabeceiras e un total de 121.320 páxinas de fondos bibliográficos, correspondentes a 792 obras.
Entre os tesouros da biblioteca da Academia dixitalizaranse obras de Concepción Arenal, Alfredo Brañas, José Rodríguez Carracido, Manuel e Miguel Colmeiro, Manuel Curros Enríquez, Joaquín Díaz de Rábago, Juan Durán Loriga, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Nicomedes Pastor, Eduardo Pondal, Benito Vicetto ou José Villamil.
As publicacións máis destacadas son: Estado Mayor (Lugo, 1811), Exacto Correo de España en la Coruña (A Coruña, 1810-1815), La Oliva (Vigo, 1856-1857), El Miño (Vigo (1857-1868), El Criticón (A Coruña, 1885), El Defensor de Galicia (A Coruña, 1856) ou La Ilustración de la Coruña (A Coruña, 1860-1865).