Europeana nace con dous millóns de documentos dixitalizados, aínda que a meirande parte deles proceden de Francia, o Reino Unido e Alemaña.
O 20 de novembro saíu á rede Europeana, a macro-biblioteca dixital europea. O proxecto, que arrancou en xullo de 2007, inclúe libros dixitalizados, filmes, cadros, xornais, sons e arquivos das principais coleccións do continente. Porén, de momento non hai contidos galegos, nin abundan os saídos do Estado Español, mentres que Francia, o Reino Unido ou Alemaña, que levan moito máis adiantado o proceso de dixitalización dos seus fondos culturais, son os lugares de procedencia de boa parte dos documentos.
Se buscamos "Galicia", por exemplo, atopamos 91 documentos, mentres que con "Galiza" só vemos dous. Tampouco está o galego entre as linguas ás que está traducida a súa interface, aínda que é intención dos responsábeis do portal levalo a todos os idiomas do continente.
O lanzamento da web causou tal expectación e volume de visitas, que o servidor de Europeana está a ter moitas dificultades en ofrecer os resultados das buscas dos internautas, máis numerosas do previsto.
O que se pode visitar xa é unha web prototipo que dá acceso directo a dous millóns de obxectos dixitais de todo tipo. A encargada de inaugurala foi a comisaria europea para a Sociedade da Información e Medios de Comunicación, Viviane Reding.
Os contidos seleccionáronse de entre os que xa están dixitalizados e dispoñíbeis nos museos, bibliotecas, arquivos e coleccións audiovisuais de Europa. O prototipo aspira a conter mostras representativas deses catro grupos de patrimonio cultural, e tamén unha ampla gama de contidos de todo o continente.
As especificacións técnicas do proxecto, o seu caderno de ruta e a arquitectura da web forman parte da propia biblioteca virtual. A partir do seu lanzamento, o principal reto para os responsábeis do portal será deseñar un modelo de negocio que asegure a súa sustentabilidade.
Outro dos desafíos será avanzar na investigación e na aplicación de mecanismos de interoperabilidade e accesibilidade do patrimonio cultural europeo a través da web, o que facilitará contar cun interface multilingüe. A intención é que no ano 2010 todo o mundo poida acceder directamente a máis de 6 millóns de sons, imaxes, libros, fichas e filmes dixitais.
Que é Europeana
Europeana é unha rede temática creada pola Comisión Europea como parte do programa eContentplus, que forma parte das políticas i2010. Nun principio denominada EDLNet (a rede de bibliotecas dixitais europeas), consiste nunha asociación de 90 representantes de organizacións de cultura e coñecemento e expertos en tecnoloxías da información de toda Europa. Contribúen cos paquetes de traballo que resolven os problemas técnicos e de uso e desenvolven as especificacións do prototipo.
O grupo principal do proxecto desenvólvese na biblioteca nacional dos Países Baixos, a Koninklijke Bibliotheek. É a encargada de administrar o proxecto e achegar o coñecemento técnico da Biblioteca Europea, que é un servizo da Conferencia Europea de Bibliotecarios Nacionais.
O proxecto está supervisado pola fundación EDL, que inclúe importantes asociacións europeas relacionadas co patrimonio cultural das catro áreas que cubrirá Europeana. Os estatutos da fundación obrigan os membros a fornecer o acceso á cultura e a ciencia europeas a través dun portal unificado, cooperar na transmisión e desenvolvemento da web, estimular iniciativas que agrupen o contido dixital existente e apoiar a dixitalización do patrimonio cultural e científico europeo.