Médicos e xuíces foron os últimos en sumarse a unha folga dos empregados públicos en demanda de melloras salariais.
Hospitais, administración pública, colexios, aduanas... Chile entra no seu terceiro día de parálise por mor da folga convocada polos traballadores públicos. Demandan melloras económicas ante unha desvalorización dos seus salarios, xa que a inflación medrou un 9,9% nos últimos doce meses, mentres que as súas nóminas non o fixeron ao mesmo ritmo. Exixen un reaxuste dun 14,5%, mentres que o goberno non ofrece máis que unha suba gradual de até un dez por cento para os salarios máis baixos.
Con todo, as manifestacións seguen a reproducirse fronte ao Parlamento de Valparaíso, onde se concentraron milleiros de funcionarios procedentes principalmente da capital chilena e do sur do país. As negociacións non avanzan e, logo de coñecer a última proposta do goberno, os folguistas apelan a unha mobilización histórica que "reflicte a forza social que se expresa no país de forma pacífica". Así, o presidente da CUT exixiu unha suba para todos os empregados públicos e insistiu en que non aceptarán unha proposta de reaxuste gradual porque "é un sistema que divide aos traballadores".
Consecuencias na economía
Estes tres días de folga xa se están deixando sentir no país. Dunha banda estanse a retardar diversas exportacións, o que, á súa vez, provoca conxestión nos pasos fronteirizos. A Asociación de Exportadores de Chile (Asoex) asegura que o paro "está afectando a unha grande cantidade de froita fresca de exportación". Doutra banda, a situación é tamén complicada nos hospitais entre quen precisa atención médica ou realizar trámites administrativos urxentes.