O deputado nacionalista Xosé Ramón Paz lembrou que o organismo deportivo ameazou ao triatleta cunha multa por exhibir a bandeira galega.
A unanimidade chegou este mércores á rúa do Hórreo, os tres grupos parlamentarios, reclamaron conxuntamente que tanto a Federación Española de Triatlón como o Consejo Superior de Deportes deixen que o ferrolán Gómez Noya decida a ubicación da publicidade da súa vestimenta de competición.
O deputado do BNG, Xosé Ramón Paz Antón, aproveitou a súa comparecencia para lembrar que a federación ameazou con sancionar o triatleta ferrolán por exhibir a bandeira galega logo de gañar unha proba internacional (tal e como revelou Vieiros o pasado mes de outubro).
No Parlamento recordouse que o triatleta está “disposto a pagar da súa conta” as viaxes ás copas do mundo para poder colocar a publicidade nos espazos reservados na vestimenta que el elixa. Esta decisión tería como excepción o Campionato de Europa, o Campionato do Mundo e nos Xogos Olímpicos, onde Gómez Noya colocaría o mono que decidise a federación.
Porén, até o momento a Federación Española negouse a mover ficha. O deputado nacionalista e a socialista María do Carme Acuña aseguraron que, se o organismo deportivo non muda a súa actitude, podería decidir non correr esas probas internacionais.