Unha iniciativa de audio no blogomillo que naceu a partir dun pequeno apartado sobre novas tecnoloxías no programa Entre Nos, da emisora municipal lalinesa.
A través de PodGalego vimos de coñecer a existencia do que pasa por ser o primeiro falangullo en galego sobre informática e tecnoloxía. Pequenas pezas de dez minutos que son subidas en forma de podcast á rede.
Tecnívoros (do grego: tekne (arte, técnica ou oficio) e do latín voro (comer, consumir)) é un blog sobre informática e tecnoloxía "para a xente de a pé, achegando estas temáticas (as veces complexas) dunha forma entretida e sinxela para todo o mundo". Así o contan eles mesmos desde a súa bitácora: Tecnívoros. Alén dos falangullos, que acumulan xa un total de 24 emisións, no blog recollen tamén en forma escrita novas e reflexións sobre novas tecnoloxías.
A iniciativa naceu en Radio Lalín, onde os Tecnívoros ofrecen todos os xoves contra as 11 da mañá a súa micro-sección, incluída no programa Entre Nós da emisora dezá.