Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SEMANA DA CIENCIA

O herbario da USC xa se pode visitar virtualmente

A colección botánica, con máis de 100 mil exemplares, dispón dende esta semana dunha exposición virtual e interactiva.

Redacción - 13:40 17/11/2008

O herbario da Universidade de Santiago, a colección botánica máis importante de Galiza, con 100 mil exemplares, está dispoñíbel dende esta semana na internet. Deste xeito, o seu potencial educativo achégase ao gran público. Segundo explican na súa web, o seu fondo resultaba practicamente descoñecido debido a ter unha finalidade investigadora e carecer de orzamento para a súa divulgación tradicional.

Isto si fora posíbel hai dous anos, cando se expuxeron os exemplares nun espazo físico aberto ao público. Agora, do 17 ao 23 de novembro, esa colección publícase na rede, co gallo da Semana da Ciencia, aínda que coa intención de mantela permanentemente aberta no futuro.

A través do enderezo http://www.usc.es/herbario/virtual.php, pódese visitar a colección do herbario da USC e participar achegando comentarios ou datos propios. A actividade pretende ser o punto de inicio para a divulgación das coleccións do SANT. Aspira, ademais, a amosar exclusivamente plantas autóctonas e non cultivadas -nin forestais nin ornamentais-, agrupándoas por ecosistemas. Ofrece imaxes de alta resolución, de xeito que se poidan observar con máis detalle ca a tamaño natural.

Por outra banda, a web é participativa: os usuarios poden achegar comentarios e información, como o nome que recibe a planta en determinados lugares do país, ou usos populares da mesma. As contribucións do público incorporaranse á web, reflectindo as achegas das distintas áreas xeográficas de Galiza. Alén das especies inicialmente expostas, durante a semana o público poderá pedir a dixitalización doutros exemplares e propoñer futuras melloras e ampliacións da colección.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: