“Non desprezamos cambios aínda que poidan ser puntuais ou momentáneos”, afirmou o máximo responsábel da Unión do Povo.
Tal e como estaba previsto, Francisco Rodríguez seguirá a ser o “home forte” da UPG. O partido historicamente hexemónico dentro do BNG clausurou este domingo no Auditorio de Galiza (Compostela) o seu XII Congreso. Ademais do secretario xeral, o plenario escolleu os membros do Comité Central, máximo ógano entre congresos. No mesmo volven figurar, entre moitos outros, caras tan coñecidas como as de Alfredo Suárez Canal, Francisco García, Ana Pontón, Alberte Ansede, Roberto Vilameá, Francisco Jorquera, Pilar García Negro, Bieito Lobeira ou Suso Seixo.Tamén estarán na dirección os responsábeis de zona da UPG: Xosé Manuel Fernández (Pontevedra); Daniel Gómez (Ourense); Xesús Méndez (Lugo); Xosé Carlos Pazos (Vigo); Manuel Rei (Ferrolterra); e Martiño Santos (Compostela).
Anxo Quintana participou no acto en calidade de voceiro do BNG. O de Allariz principiou o seu discurso asegurando que “mentres o nacionalismo galego sexa quen de parir persoas como Bautista Álvarez é unha garantía de futuro e éxito”. A continuación, Quintana centrou a súa intervención na crise mundial, na crítica aos modelos económicos ultraliberais e na receita de máis nacionalismo como mellor antídoto.
En clave interna o líder do BNG afirmou que “non é especialmente estraño que moitas veces nos sacuda a impaciencia. O noso é un proxecto transformador. Nunca nos conformaremos co que temos pero os procesos non se poden producir se non se leva pobo detrás”. Por iso, emprazou á militancia da UPG a traballar arreo para lograr uns bos resultados nos vindeiros comicios, á vez que se mostrou seguro de que na seguinte lexislatura vai ser posíbel un Estatuto de Nación para Galiza.
Logo de reiterar por activa e por pasiva que a UPG non renunciaba a un cambio radical no sistema, defendeu tamén as reformas: “Non desprezamos cambios aínda que poidan ser puntuais ou momentáneos”. Así sinalou que instrumentos como un novo Estatuto ou unha nova lexislación para as caixas de aforro son pasos de importancia.
Os aplausos foron como sempre o termómetro para saber como respira a UPG. As grandes ovacións para Francisco Rodríguez e especialmente para Bautista Álvarez contrastaron cos aplausos, aínda que correctos, moito menos vehementes que recibiu o voceiro nacional do BNG. Os aplausos tamén se fixeron notar ao ouvirse polos altofalantes nomes como os de Bieito Lobeira ou Pilar García Negro.