Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Receitas contra a crise

A "estratexia económica nacional" pasa por un novo Estatuto, afirma Quintana

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta defende unha economía "ao servizo da xente" na presentación en Vigo dunha nova campaña da formación.

Redacción / Europa Press - 11:45 15/11/2008
Quintana e Domínguez, este venres en Vigo

Quintana e Domínguez, este venres en Vigo

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, subliñou este venres a importancia de que Galiza conte "canto antes" cun novo Estatuto, co fin de que poida desenvolver unha "estratexia económica nacional" coa que facer fronte á actual crise. Ademais, defendeu unha economía "ao servizo da xente" baseada no autogoberno.

Así o manifestou durante o acto inaugural da campaña Con máis autogoberno. Unha economía ao servizo da xente, organizada en Vigo, no que estivo acompañado polo tenente de alcalde da cidade, Santiago Domínguez.

O líder do BNG subliñou a necesidade de substituír as políticas neoliberais por aquelas baseadas no autogoberno que, na súa opinión, permitirán "reforzar o papel reitor que lle corresponde á Xunta na definición e desenvolvemento dunha estratexia económica nacional".

A ese respecto, recalcou a importancia de que Galiza conte cun novo Estatuto que lle permita avanzar nesa estratexia, para poder desenvolver unha política económica "que teña raíces na terra" e que estea definida pensando nas demandas e necesidades da cidadanía do país.

Ademais, reclamou máis unha vez as competencias en materia de portos, aeroportos, espazo radioeléctrico e sobre o dominio público marítimo-terrestre.

Quintana, que avogou pola intervención dos poderes públicos na economía "non só para garantir a liquidez da banca privada, senón para protexer as empresas e as familias", tamén recordou que "non "debe ser rescatado" o actual modelo económico, que se basea na "deshumanización dos mercados e a mercantilización da vida", senón substituído por un baseado no autogoberno.

Sistema neoliberal

Nese sentido, recordou que o BNG "cuestionou dende o principio" ese modelo neoliberal, defendido polas "elites, conservadoras ou progresistas, de Madrid,", e apuntou que as nacións que practicaron políticas máis autónomas son as que "agora están en mellores condicións para afrontar a crise global".

Pola súa banda, Santiago Domínguez recalcou o "compromiso dos nacionalistas coa clase traballadora" e o seu labor en defensa de sectores produtivos como o naval ou a automoción. Tamén salientou as políticas municipais encamiñadas a promover e dinamizar o comercio e o turismo, ou o reforzo das políticas sociais para evitar situacións de exclusión social.


3,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: